Hortensia Blanch Pita

Memoria de Silvia Mistral
Hortensia Blanch Pita

Una playa inmensa, y nada más. Ni caseta, ni agua, ni comida, ni enfermeros, ni medicinas. Sólo la arena y el mistral. Y los senegaleses. Altos y negros, semejan niños a los que se ha dado un fusil y un uniforme y una orden de matar. Con estas palabras relatou Hortensia Blanch o drama do campo de refuxiados de Argeles-sur-Mer, en Francia, onde foron recluídos milleiros de republicanos españois. As súas crónicas fálannos dos desastres da guerra e da falta de humanidade. Non era unha ollada falta de experiencia: a vida de Hortensia Blanch comezara na emigración e encamiñábase cara ao exilio.

A escritora e crítica cinematográfica Hortensia Blanch Pita, máis coñecida polo seu alcume literario de Silvia Mistral, naceu na Habana o 1 de decembro de 1914, filla de pai catalán e nai galega. Pasou algúns anos da súa infancia na terra natal de súa nai, en Vilalba. Non obstante, en 1926 retornou a Cuba coa súa familia.

En 1931, tras a proclamación da II República, a familia volveu a España, instalándose en Barcelona. Nesta cidade comezou a traballar nun laboratorio químico; axiña comezarían as súas colaboracións xornalísticas. Aos 18 anos comezou a publicar textos nos suplementos literarios dos xornais Las Noticias e El Día Gráfico.

De Silvia Mistral cómpre destacar a súa actividade como crítica cinematográfica na revista Popular Film, ampliándose despois ás publicacións Films Selectos e Proyector. En xullo de 1936 Silvia Mistral fíxose cargo da sección de publicidade da Paramount, sección que tamén dirixira a escritora galega María Luz Morales.

Tras o comezo da Guerra Civil continuaría co seu traballo na industría química, ao tempo que publicaba colaboracións na revista Umbral. Destacan tamén as súas crónicas de guerra no xornal La Vanguardia. Tamén foi secretaria da revista Nuevo Cinema. Ao rematar a guerra marcha a Francia, onde permaneceu até embarcar no buque Ipanema con destino a México. Fronte á deshumanización que por aquel tempo vivía Europa, pódese lembrar aquí a grande mostra de solidariedade que deu México –co seu presidente Lázaro Cárdenas á cabeza− acollendo os exiliados españois.

Os seus últimos días en Barcelona e o drama dos campos de concentración en Francia ficaron reflectidos no seu libro de memorias Éxodo. Diario de una refugiada española, libro que contou co prólogo de León Felipe e que constitúe unha crónica dramática do exilio republicano. O texto foi publicado por entregas na revista mexicana Hoy, con ilustracións do artista sevillano Francisco Carmona. Posteriormente, foi editado en 1940 como libro pola editorial Minerva.

Xa en México conseguiu reunirse co seu compañeiro, o militante anarquista Ricardo Mestre. No exilio Silvia Mistral continuou a súa actividade como escritora, incluíndo o seu papel como crítica de cinema en revistas como Arte y plata. Así, escribiu contos para a revista Aventura. Foi autora de novelas rosa como Violetas imperiales. Outras obras desta autora foron: Madréporas, con ilustracións de Ramón Gaya; La cola de la sirena, El niño de la banda e La cenicienta china. Faleceu en México D.F. o 21 de agosto de 2004.

Bibliografía: 

GODOY, EMILIO: “Silvia Mistral. Testigo y cronista del exilio de los republicanos”, en El Mundo, 26 de agosto de 2004, p. 5.

RODRIGO, ANTONINA: “Silvia Mistral, escritora del exilio", en El País, 22 de agosto de 2004, p. 37.

Documentación asociada
Documentación asociada
Un artigo de Silvia Mistral52.96 KB

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
1772 lecturas