Calixto Loira Cardoso

Un arquitecto galego en Cuba
Calixto Loira Cardoso

A vida de Calixto Loira foi tan breve como intensa. Así, a súa obra como arquitecto non é moi ampla, mais deixou para a posteridade o proxecto que daría orixe ao Cemiterio de Colón da Habana, construción que axudaría a manter viva a memoria deste ferrolán a través dos anos.

Calixto Loira Cardoso naceu en Ferrol o 3 de xullo de 1840. Chegou a Cuba en maio de 1846, acompañando aos seus pais. Aos doce anos ingresou na Escola de Náutica, estudos que non puido rematar por mor dunha doenza dos ollos. Ata os catorce anos residiu en San Antonio de los Baños, vila da que o seu pai era gobernador militar.

Loira Cardoso estudou Arquitectura, carreira que rematou pensionado na Academia de Artes de San Fernando de Madrid. Así, marchou a Madrid en 1859 e, tras os correspondentes sete anos de carreira, realizou unha viaxe de estudos pola Península. De volta a Cuba, en 1867, dedícase á súa profesión. Foi auxiliar de Francisco de Alvear, baixo cuxa dirección realizou algunhas obras. Loira edificou o Pabellón de los Mendigos, anexo á antiga casa de orfos. Foi segundo xefe na construcción do acueduto Albear, obra destinada a subministrar auga á Habana.

Loira foi o arquitecto encargado polo Bispado da Habana da construción do Cemiterio de Colón, cuxas obras comezaron en 1871. Efectivamente, Loira foi autor do proxecto “Pallida Mors”, que deu orixe ao Cemiterio de Colón, obra que hoxe é patrimonio histórico e cultural de Cuba e do mundo. Calixto Loira morreu o 27 de setembro de 1872, aos trinta e un anos de idade, vítima dun paro respiratorio. Loira finou cando supervisaba a construción da Galería Tobías, no Cemiterio de Colón; curiosamente, el foi o primeiro enterrado nesta galería.

Bibliografía: 

VV.AA.: GALICIA MODERNA, nº 107, 15/05/1887, p. 2

NEIRA VILAS, X.: Memoria da Emigración II, Sada: Ediciós do Castro, 1995, pp. 63-69

LLORCA FREIRE, G.: Ferroláns en Cuba, Ferrol: Edicións Embora, 1997.

ORAMAS CAMERO, Á.: Galegos da Habana, Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2007.

Fotografías

  • Entrada ao Cemiterio de Colón
  • Entrada ao Cemiterio de Colón
  • Igrexa no Cemiterio de Colón
  • Imaxe no Cemiterio de Colón
  • Interior no Cemiterio de Colón
  • Detalle no Cemiterio de Colón

Álbum da Emigración

O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.

O Álbum da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega(contidos) e culturagalega.org(deseño)

Correo-e : aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985


Consello da Cultura Galega
22 lecturas