A Xunta urxe ao Goberno a acelerar a homologación das titulacións universitarias dos bolseiros BEME para potenciar o seu talento e inserción laboral en Galicia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na benvida aos actuais beneficiarios das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior 2025/26.

José González destacou a eficacia desta iniciativa integrada na Estratexia Galicia Retorna como instrumento de retorno e fixación de talento cualificado, e animou aos novos bolseiros a que esta experiencia sexa o inicio dun proxecto estable en Galicia.

Fixo fincapé nas medidas de acompañamento e impulso da súa integración laboral, tanto por conta allea como propia, a través de ferramentas como as oficinas de retorno, da futura Oficina de Atracción de Talento ou da Rede de polos.

Reiterou a urxencia de que o Estado axilice canto antes o proceso de recoñecemento das súas titulacións de orixe, tal e como a Xunta de Galicia volveu reiterar esta mesma semana en coordinación coas universidades galegas.

Con esta convocatoria, a Xunta suma un investimento global de 14,5 M€, que permitiu o retorno de 1.700 mozos e mozas de máis de 40 países para completar os seus estudos universitarios en Galicia.

  • A Xunta urxe ao Goberno a acelerar a homologación das titulacións universitarias dos bolseiros BEME para potenciar o seu talento e inserción laboral en Galicia
    A Xunta urxe ao Goberno a acelerar a homologación das titulacións universitarias dos bolseiros BEME para potenciar o seu talento e inserción laboral en Galicia
  • A Xunta urxe ao Goberno a acelerar a homologación das titulacións universitarias dos bolseiros BEME para potenciar o seu talento e inserción laboral en Galicia
    A Xunta urxe ao Goberno a acelerar a homologación das titulacións universitarias dos bolseiros BEME para potenciar o seu talento e inserción laboral en Galicia
  • A Xunta urxe ao Goberno a acelerar a homologación das titulacións universitarias dos bolseiros BEME para potenciar o seu talento e inserción laboral en Galicia
    A Xunta urxe ao Goberno a acelerar a homologación das titulacións universitarias dos bolseiros BEME para potenciar o seu talento e inserción laboral en Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Oroso (A Coruña), 25 de outubro de 2025.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou esta mañá no acto de benvida aos beneficiarios da 9ª edición das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), unha iniciativa pioneira posta en marcha pola Xunta en 2017 co obxectivo de atraer talento cualificado e fomentar o retorno da mocidade universitaria galega residente no exterior. Con esta convocatoria, a Xunta suma un investimento global de 14,5 M€ que permitiron xa o retorno de 1.700 mozos e mozas procedentes de máis de 40 países, aos que se suman os beneficiarios do programa Retorna Talento FP.

Durante o acto —no que tamén estivo presente o alcalde de Oroso, Álex Doval— o conselleiro animou aos novos bolseiros e bolseiras a aproveitar ao máximo a súa estadía—nesta edición cursan estudos en máis de 70 mestrados das tres universidades públicas galegas—  e subliñou a vontade da Xunta de que esta experiencia constitúa para eles o inicio dun proxecto de vida estable en Galicia se así o desexan. De feito, puxo de manifesto que o 80% dos beneficiarios dos cursos anteriores continúa residindo, traballando ou emprendendo na Comunidade, o que amosa a eficacia desta iniciativa como instrumento de retorno e fixación de talento cualificado.

Ademais, o conselleiro reiterou o compromiso da Xunta para facilitar a homologación dos seus títulos universitarios de orixe, co fin de evitar que os atrancos e retrasos burocráticos do Goberno central limiten as súas oportunidades profesionais, en liña coas recomendacións europeas. Neste sentido, explicou que a Administración autonómica volveu trasladar esta semana, en coordinación coas universidades galegas, a necesidade de establecer unha vía específica e áxil para os beneficiarios das bolsas Beme, reclamando un procedemento claro que permita axilizar o proceso de recoñecemento das súas titulacións universitarias e garantir así o acceso a traballos acordes á súa formación.

Acompañamento integral ao retorno

O conselleiro destacou que as bolsas BEME se integran na Estratexia Galicia Retorna, que pon á disposición dos beneficiarios unha rede completa de apoios e recursos integrais para impulsar o seu proxecto profesional en Galicia, tanto por conta allea como propia. Neste marco, salientou o labor das Oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno, que ofrecen información e acompañamento ás persoas galegas do exterior e ás súas familias, así como a próxima posta en marcha da Oficina de Atracción de Talento, prevista para o primeiro trimestre de 2026 e destinada a coordinar as medidas de emprego e captación de talento foráneo. No eido do emprendemento, fixo referencia á Rede de polos, con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia, nas que preto do 6% das persoas atendidas son galegos retornados, e ao Programa Merlo, que ofrece mentorización e apoio específico a emprendedores procedentes do exterior.

Bolsas BEME

Con este programa, a Xunta oferta a galegos universitarios residentes fóra de Galicia desde fai máis de dous anos ou descendentes de galegas e galegos con titulación superior a posibilidade de adquirir unha especialización académica de mestrado nalgunha das tres universidades públicas. Na presente edición participan 250 mozos e mozas, a maior parte deles procedentes de América Latina, con Arxentina á cabeza cun total de 98 estudantes; seguida de Uruguai con 33, Cuba con 31, Venezuela con 22 e Brasil con 20. Outros 17 estudantes proveñen de Europa, de países como Reino Unido, Francia, Alemaña, Países Baixos, Bélxica, Finlandia, Irlanda, República Checa, Suíza e Suecia. En canto á distribución por universidades, 92 estudantes cursarán os seus estudos na Universidade de Vigo, 87 na de Santiago e 71 na Coruña. As bolsas teñen unha contía económica que varía entre 8.000 e 12.500 euros, dependendo da procedencia xeográfica das persoas beneficiarias e do número de créditos a realizar e destínanse a cubrir gastos como matrícula, viaxes, aloxamento e manutención durante o período académico en Galicia.

137 lecturas