A Xunta salienta os lazos de amizade secular co Uruguai e aposta por reforzar a colaboración en eidos estratéxicos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asistiu á celebración da Festa Nacional organizada polo Consulado Xeral do Uruguai en Compostela.

Imaxe da celebración da Festa Nacional do Uruguai
Imaxe da celebración da Festa Nacional do Uruguai
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2023.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na celebración da Festa Nacional do Uruguai, onde destacou os lazos de amizade secular con este país e apostou por reforzar a colaboración en eidos socioeconómicos estratéxicos para ambos os territorios. No acto, organizado polo Consulado Xeral do Uruguai, Diego Calvo estivo acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Miranda, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

O vicepresidente primeiro incidiu no agradecemento ao espírito de acollida uruguaio que lles permitiu a milleiros de galegos e galegas buscar unha vida mellor e contribuír á puxanza do Uruguai, “un país que é exemplo de estabilidade e crecemento sostido”, engadiu. Nesta liña referiuse ás e aos máis de 40.000 galegos, moitas e moitos deles descendentes, que viven na actualidade no Uruguai, converténdoo nun dos países con maior presenza galega en proporción á súa poboación.

Canto á colaboración entre Galicia e o país uruguaio, Diego Calvo sinalou o apoio ás e aos residentes galegos e ás súas entidades, así como os programas específicos da Secretaría Xeral da Emigración para o coidado de persoas maiores, de dependentes sen recursos e de retornadas e retornados. Ademais, avogou por un “futuro de relacións produtivas en eidos como o agroalimentario, o das enerxías renovables ou o da innovación”.

252 lecturas