A Xunta salienta o labor de acompañamento e asesoría prestado pola Oficina de Retorno, que xa atendeu preto de 3.000 familias na área de Ourense

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, acompañado do Secretario Xeral da Emigración, visitou a oficina móbil de retorno en Nogueira de Ramuín.

José González confirma esta iniciativa como unha ferramenta esencial para facilitar a integración sociolaboral dos galegos e galegas que deciden regresar á súa terra, ben apostando por un traballo por conta allea ou ben polo emprendemento.

Desde 2020, os técnicos, tanto das oficinas fixas como da móbil, levan atendido 30.000 familias e tramitadas 140.000 consultas, asesorando sobre axudas, prestando apoio con trámites administrativos ou ofrecendo orientación en materia laboral.

Precisamente para potenciar este último eido, o novo plan de formación permanente do Servizo Público de Emprego de Galicia, avaliado este luns no Consello da Xunta, estará tamén dispoñible por primeira vez para o persoal desta rede.

Os servizos ofrecidos polas oficinas complétanse con apoios como as achegas extraordinarias ao retorno, das que se beneficiaron preto de 200 familias en Ourense en 2024 e cuxa nova convocatoria abre mañá o prazo cun orzamento de 2,3M€.

Estas medidas enmárcanse na Estratexia Galicia Retorna, no marco da cal nas vindeiras semanas o Goberno autonómico impulsa feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai, da man das empresas galegas.

  • A Xunta salienta o labor de acompañamento e asesoría prestado pola Oficina de Retorno, que xa atendeu preto de 3.000 familias na área de Ourense
    A Xunta salienta o labor de acompañamento e asesoría prestado pola Oficina de Retorno, que xa atendeu preto de 3.000 familias na área de Ourense
  • A Xunta salienta o labor de acompañamento e asesoría prestado pola Oficina de Retorno, que xa atendeu preto de 3.000 familias na área de Ourense
    A Xunta salienta o labor de acompañamento e asesoría prestado pola Oficina de Retorno, que xa atendeu preto de 3.000 familias na área de Ourense
Listen to this page using ReadSpeaker
Nogueira de Ramuín (Ourense), 19 de febreiro de 2025.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, achegouse esta mañá á oficina móbil de retorno ao seu paso polo concello de Nogueira de Ramuín. Durante a visita —na que tamén estivo presente o alcalde do municipio, Julio Temes— reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia con ofrecer un servizo de cercania e un apoio integral e personalizado ás familias retornadas, con independencia da súa localización xeográfica.

O labor da oficina móbil percorrendo os concellos rurais e as vilas máis pequenas —que acumula xa arredor de 200 visitas desde 2023— compleméntase co desenvolvido nas cinco oficinas permanentes situadas nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago. Nelas lévanse tramitado arredor de 140.000 consultas desde a súa posta en marcha hai cinco anos, atendendo a 30.000 familias, preto de 3.000 só na área de Ourense.

Ao abeiro destas cifras, José González fixo fincapé en que a iniciativa —enmarcada no paquete de medidas da Estratexia Galicia Retorna— confírmase como unha ferramenta esencial para facilitar o retorno, a integración e o acompañamento permanente aos galegos e galegas que deciden regresar á súa terra. Nese senso, sinalou que Galicia é hoxe unha terra de oportunidades á que poden voltar para sumar o seu talento e capacidades ao mercado de traballo —ben por conta allea ou propia— contribuíndo a cubrir vacantes e tamén a afrontar o propio reto demográfico. Ademais, lembrou que a Xunta ofrece tamén achegas extraordinarias ao retorno para cubrir as necesidades derivadas do seu regreso. Precisamente, a convocatoria de 2025, dotada con 2,3M€, abre mañá o prazo de solicitudes. No balance de 2024, na provincia de Ourense concedéronse preto de 200 axudas a familias retornadas por valor duns 580.000€.

Acompañamento permanente no retorno

Entre os servizos que se ofrecen a través destas oficinas —tanto nas fixas como na móbil— atópanse o asesoramento sobre programas de apoio ao retorno, ofrecendo información actualizada sobre as axudas económicas e programas dispoñibles para facilitar a integración en Galicia. Tamén se brinda axuda nos trámites administrativos, prestando apoio na realización de xestións relacionadas coa sanidade, a vivenda, a educación, a Seguridade Social e outras cuestións importantes para a vida cotiá das persoas retornadas.

Ademais, inclúese orientación laboral, proporcionando asesoramento para a busca de emprego en Galicia e guía sobre a validación de títulos acadados no estranxeiro. A este respecto —e co obxectivo de contribuír de xeito máis eficaz a captar e reter o talento dos galegos e galegas do exterior— o Consello da Xunta vén de aprobar o novo plan de formación permanente do Servizo Público de Emprego de Galicia, que por primeira vez estará tamén dispoñible para o persoal destas oficinas de retorno.

Feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai

Galicia é unha rexión pioneira a prol das políticas de retorno, impulsando medidas tanto no eido da conta propia como allea para facer fronte ao reto demográfico e responder a desafíos como a cobertura de vacantes e a remuda xeracional. Así, no marco da Estratexia Galicia Retorna, a Xunta tamén ten en marcha outras accións, como a atracción de perfís altamente cualificados a través das Bolsas BEME —cuxa 9ª convocatoria se pode solicitar ata o vindeiro 30 de abril— ou o Programa Retorna Cualifica Emprego, coa segunda edición aberta cun orzamento de 2,3M€ e co obxectivo de beneficiar uns 200 residentes no exterior menores de 55 anos deica finais de 2025. Ademais, nas vindeiras semanas impulsará feiras de emprego específicas na Arxentina (6 e 7 de marzo) e no Uruguai (10 de marzo) en coordinación coas necesidades das propias empresas galegas, que terán a oportunidade de captar talento en ambos países para facer fronte ás súas perspectivas de crecemento e garantir a súa competitividade.

Proxecto cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

309 lecturas