A Xunta reforza a coordinación coas asociacións venezolanas e cos centros galegos para apoiar ás persoas afectadas polos terremotos rexistrados

Os conselleiros de Emprego, José González, e de Presidencia, Diego Calvo, avaliaron coas diferentes entidades a resposta á emerxencia.

Na xuntanza participaron representantes da Hermandad Gallega de Venezuela e da Federación de Centros Españoles de Venezuela, así como da Federación Venezolana de Galicia e das asociacións venezolanas nas catro provincias galegas.

O Goberno galego trasladou a máxima disposición para continuar traballando de maneira conxunta na procura das vías máis eficaces para canalizar a axuda cara ás persoas afectadas.

Ademais, a Administración autonómica mantén vixentes axudas de emerxencia para emigrantes galegos e descendentes, que permiten apoiar a persoas que sufran perdas en catástrofes naturais, entre outras circunstancias.

  • A Xunta reforza a coordinación coas asociacións venezolanas e cos centros galegos para apoiar ás persoas afectadas polos terremotos rexistrados.
    A Xunta reforza a coordinación coas asociacións venezolanas e cos centros galegos para apoiar ás persoas afectadas polos terremotos rexistrados.
  • A Xunta reforza a coordinación coas asociacións venezolanas e cos centros galegos para apoiar ás persoas afectadas polos terremotos rexistrados.
    A Xunta reforza a coordinación coas asociacións venezolanas e cos centros galegos para apoiar ás persoas afectadas polos terremotos rexistrados.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2026.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantiveron un encontro para avanzar na colaboración entre as asociacións de persoas venezolanas residentes en Galicia, os centros galegos de Venezuela e o Executivo autonómico co fin de apoiar ás persoas afectadas polos terremotos rexistrados no país.

Na xuntanza -na que tamén estivo presente o secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Joaquín Macho- participaron, de maneira telemática, os presidentes da Hermandad Gallega de Venezuela e da Federación de Centros Españoles de Venezuela -en representación dos centros galegos no país- e, desde Galicia, o presidente da Federación Venezolana de Galicia (Fevega) e representantes das asociacións de persoas venezolanas residentes das catro provincias galegas.

Os representantes do Goberno galego trasladaron a súa máxima disposición para continuar traballando de maneira conxunta e reforzar a resposta solidaria da sociedade galega. Desde o primeiro momento, a Xunta ten activados todos os mecanismos ao seu alcance para colaborar co país en materia de axuda humanitaria e salienta que as medidas de apoio ás persoas damnificadas poden ampliarse en función das necesidades sobre o terreo, tanto a través da cooperación institucional como mediante a colaboración coa rede asociativa venezolana presente en Galicia.

Ademais, a Administración autonómica mantén vixentes axudas de emerxencia para emigrantes galegos e descendentes, que se convocan todos os anos -podendo ampliarse o seu orzamento se é preciso- e que permiten apoiar a persoas que sufran perdas en catástrofes naturais, entre outras circunstancias.

A Xunta tamén segue en contacto permanente cos centros galegos de Venezuela para atender as necesidades da colectividade galega residente no país. Estes centros, xunto co resto de entidades da colectividade española en Venezuela, acordaron converterse en espazos de recollida de materiais necesarios para o rescate, para a canalización da axuda e como puntos de apoio ás familias que así o precisen. De feito, está plenamente operativa a Rede de asistencia permanente de atención social en todos os centros galegos en Venezuela, que neste momento constitúen un elemento clave para colaborar e acompañar á poboación afectada trala emerxencia.

Por outra parte, a Xunta traballou desde o primeiro momento na procura das vías máis eficaces para canalizar axuda cara ás persoas afectadas. Activouse así o convenio de colaboración con Farmamundi, o que permitirá destinar de maneira inmediata máis de 10.700 euros en actuacións de emerxencia sobre o terreo. Este convenio permitirá que Farmamundi, xunto coa Fundación Palud, poida realizar control e seguimento de pacientes, traslados de persoal e subministracións ou prestar atención desde clínicas médicas móbiles. Do mesmo xeito, estase a axilizar a sinatura do convenio con Cruz Vermella para que os 50.000 euros consignados para accións de cooperación sexan destinados integramente á atención desta emerxencia humanitaria, co obxectivo de atender as necesidades máis urxentes da poboación afectada mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais.

Durante o encontro, os responsables autonómicos trasladaron a súa solidariedade ás persoas afectadas pola traxedia, lembrando os fortes vínculos que unen Venezuela e Galicia. Na actualidade, residen en Venezuela máis de 30.300 persoas galegas, mentres que en Galicia viven arredor de 27.600 persoas de nacionalidade venezolana.

192 lecturas