A Xunta de Galicia lanza as axudas específicas ás persoas galegas residentes en Venezuela afectadas polos terremotos de xuño

O DOG publica hoxe a convocatoria destes apoios extraordinarios destinados a axudar a sufragar gastos para paliar a necesidade derivada da perda temporal ou definitiva das condicións de habitabilidade da residencia habitual dos galegos no país caribeño.

O crédito inicial destinado a esta liña é de 500.000 euros -cantidade que poderá ampliarse en caso necesario- e as solicitudes poderán presentarse desde mañá ata o 1 de decembro de 2026 e para facilitar a presentación de solicitudes, as persoas interesadas poderán dirixirse ás entidades galegas colaboradoras de Venezuela.

Estas achegas específicas súmanse a outras da Secretaría Xeral da Emigración ás que pode acceder a comunidade galega residente en Venezuela e que este ano supoñen entre todas un apoio global inicial de 2,5 M€.

A Xunta de Galicia lanza as axudas específicas ás persoas galegas residentes en Venezuela afectadas polos terremotos de xuño.
A Xunta de Galicia lanza as axudas específicas ás persoas galegas residentes en Venezuela afectadas polos terremotos de xuño.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas extraordinarias para as persoas galegas residentes en Venezuela afectadas polos terremotos do 24 de xuño. En concreto, destinaranse a axudar a sufragar gastos para paliar a situación de necesidade derivada da perda temporal ou definitiva das condicións de habitabilidade da residencia habitual das persoas galegas residentes en Venezuela afectadas polos terremotos de xuño. 

Neste sentido, a súa concesión realizarase en réxime de concorrencia non competitiva debido ao interese público, social e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso. O crédito inicial destinado a esta liña é de 500.000 euros -cantidade que poderá ampliarse en caso necesario- sendo a contía de achega por beneficiario de 4.000 euros. 

As solicitudes poderán presentarse desde o 6 de agosto ata o 1 de decembro de 2026, preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta. Ademais, para facilitar a presentación, as persoas interesadas poderán dirixirse ás entidades colaboradoras de Venezuela -Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, Hermandad Gallega de Valencia, Centro Gallego de Maracaibo, Centro Gallego de Puerto la Cruz e Asociación Fillos de Galicia dos Estados de Aragua e Lara, en Maracay-.

Outros apoios.

Estas achegas específicas súmanse a outras da Secretaría Xeral da Emigración ás que pode acceder a comunidade galega en Venezuela e que este ano supoñen entre todas un apoio global inicial  de 2,5 M€ para a comunidade galega deste país. Entre eles están as achegas individuais de carácter social das que a Xunta axilizou os trámites para o pago e das que este ano se benefician en Venezuela máis de 1.200 persoas galegas por un importe de axuda total de máis de 1,3 M€. Teñen como fin garantir a cobertura das necesidades básicas de subsistencia e a atención sociosanitaria das persoas galegas emigrantes e os seus fillos residentes no exterior e que se atopen en situación de precariedade económica.

Outros apoios son os de emerxencia social, que teñen prazo de solicitudes aberto ata o 5 de outubro de 2026. Con eles outórgase unha prestación económica única a persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega residentes en América con escasos recursos e aos seus descendentes, para atender situacións de necesidade derivadas de circunstancias extraordinarias sobrevidas nos últimos 12 meses. 

A isto engádese o reforzo dos acordos de colaboración de carácter social coas entidades galegas en Venezuela e as axudas á súa actividade e funcionamento ata os preto de 580.000 euros en total. Con eles, o Executivo galego apoia o labor esencial destas entidades na atención e asistencia social ás persoas e familias que máis o precisan.

86 lecturas