O portal da Xunta evoluciona para facilitar e axilizar o acceso da cidadanía á información e aos novos servizos electrónicos

Tras a aprobación o pasado xoves do Decreto que regula a presenza da Administración autonómica en Internet.

Elévase ao menú principal o espazo e! como sección que aglutina os servizos de eAdministración da Xunta.

Mellórase a presenza de ligazóns aos portais das diferentes consellerías organizadas por áreas temáticas, ou palabras significativas para as persoas usuarias.

Búscase converter a web nun espazo cada vez máis intuitivo, sinxelo e accesible á cidadanía acadando maiores cota de interactividade e potenciando o uso das redes sociais como canle de diálogo.

www.xunta.es ten unha media mensual de 1 millón de visitas e máis de 5.000 seguidores e seguidoras en Facebook e Twitter.

Listen to this page using ReadSpeaker

Un ano despois da reestruturación do seu portal corporativo a Xunta renova a súa web de cabeceira para impulsar e potenciar o uso dos servizos electrónicos e dar unha resposta máis eficiente e adaptada ás novas necesidades da cidadanía. Este cambio alíñase cos obxectivos do Decreto que regula a presenza da Administración en Internet, aprobado o pasado xoves polo Goberno da Xunta, e que busca impulsar a transparencia informativa e a participación cidadá a través das redes sociais.

O Decreto articula o portal corporativo www.xunta.es como a porta de entrada a toda a rede de portais institucionais e á totalidade de servizos participativos da Xunta. De aí, que o primeiro obxectivo da nova versión da web sexa facilitar o acceso aos espazos de relación e comunicación máis relevantes e incrementar a presenza dos servizos corporativos máis comúns de recente incorporación á Web. Estas modificacións realizáronse en base á interacción coa cidadanía e aos estudos de comportamento dos usuarios da web que suman preto dun millón ao mes.

Máis servizos electrónicos e máis visibles
No último ano a Xunta aumentou o número dos servizos públicos electrónicos a disposición das cidadás e os cidadáns o que requiría unha maior visibilidade na web. Nesta liña refórzase o espazo e! e elévase ao menú principal como sección que aglutina os servizos de eAdministración da Xunta, entre eles a sede electrónica que entrou en funcionamento hai tres semanas ou o acceso ao DOG dixital.

A continua posta en marcha de novos contidos e servizos por parte dos diferentes departamentos ten resposta tamén no portal corporativo, mellorando presenza de ligazóns aos portais das diferentes consellerías en www.xunta.es. Estas ligazóns, que ata o de agora se presentaban categorizadas en función do colectivo ou público obxectivo ao que ían orientadas, preséntase ademais organizadas por áreas temáticas, ou palabras significativas para as persoas usuarias.

Nese mesmo espazo destinado ás consellerías o usuario atópase cun acceso áxil aos servizos de maior uso por parte da cidadanía organizados por áreas temáticas. Por exemplo, baixo o epígrafe de saúde destácanse a cita en Atención Primaria ou a Tarxeta Sanitaria, no de Familia o de pago de taxas escolares e o de carné familiar e así ata 8 etiquetas que facilitan a navegación do cidadán e o acceso ás prestacións servizos máis demandadas.

No eido da divulgación e da comunicación búscase dar a coñecer proxectos relevantes e campañas de comunicación a través dunha caixa multimedia que se sitúa no espazo superior dereito da páxina. Esta caixa creouse a xeito de carrusel para que poida albergar e compatibilizar varias accións de comunicación ao mesmo tempo e posibilita o uso de calquera formato multimedia: texto, imaxe, vídeo ou son.

Espazo máis intuitivo e accesible
Con estas melloras búscase converter o portal nun espazo cada vez máis intuitivo, sinxelo e accesible á cidadanía e acadando cada vez maiores cota de interactividade e potenciando o uso das redes sociais como canle de diálogo, participación consulta e opinión. A Administración autonómica incrementou progresivamente a súa presenza nestas canles e actualmente arredor de 15 departamentos da Xunta teñen contas en redes sociais como Facebook, Twitter, Tuenti, Flickr, Youtube e Vimeo e portal corporativo www.xunta.es conta con preto de 5.000 seguidores e seguidoras en Facebook e Twitter. Ademais, máis de 1.000 usuarios e usuarias déronse de alta no servizo para recibir notificacións de axudas e subvencións por correo electrónico e sms.

Coa renovación da web, cuxo mantemento está financiado con Fondos FEDER, implántase tamén unha nova ferramenta de monitorización que vai permitir coñecer en tempo real os usos e preferencias das persoas usuarias no conxunto de portais da Xunta. Este datos permitirán tomar mellores decisións respecto á evolución da explotación da canle por parte da Administración galega.

1019 lecturas