Feijóo expresa o recoñecemento de todos os galegos a Francisco Fernández del Riego, “un home que viviu en primeira persoa case todos os feitos substantivos da recente historia cultural de Galicia”.

O presidente da Xunta destacou o pasado venres, no acto do 13º aniversario do Club Financeiro de Vigo, que se foi “un dos principais persoeiros da cultura galega do século XX”.

Salienta que Fernández del Riego “déixanos grandes empresas e iniciativas culturais que seguirán vivas, vixentes e vizosas” e lembra que foi o impulsor da iniciativa de crear unha celebración anual para a lingua galega: o Día das Letras Galegas.

Transmite o pésame á súa familia e amigos, á Real Academia Galega e á Universidade de Vigo, da que era Doutor Honoris Causa.

“Galicia perdeu un dos seus fillos máis ilustres, pero mantén intacto todo o seu legado a prol da nosa cultura”, di.

Listen to this page using ReadSpeaker
29 de novembro de 2010.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou a noite do pasado venres, no acto do 13º aniversario do Club Financeiro de Vigo, o recoñecemento de todos os galegos a Francisco Fernández del Riego, “un galego de Vilanova de Lourenzá que sen dúbida foi un dos principais persoeiros da cultura galega do século XX”. “Foise –aseverou- un dos últimos vínculos co primeiro Grupo Nós e foise un home que viviu en primeira persoa case todos os feitos substantivos da recente historia cultural de Galicia”.

Feijóo salientou que Fernández del Riego “déixanos grandes empresas e iniciativas culturais que seguirán vivas, vixentes e vizosos”. Neste sentido, referiuse á Editorial Galaxia, que fundou xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto; á Fundación Penzol, “que tiven a oportunidade –recordou- de visitar a semana pasada”; ou á Revista Grial, da que foi o seu primeiro director. “Sen esquecer –engadiu- que foi o impulsor da iniciativa de crear unha celebración anual para a lingua galega: o Día das Letras Galegas”.

Como presidente da Xunta, Feijóo transmitiu o seu pésame á súa familia e amigos, á Real Academia Galega, “da que era o seu membro máis importante”, e á Universidade de Vigo, da que era Doutor Honoris Causa. “Galicia –concluíu- perdeu un dos seus fillos máis ilustres, pero mantén intacto todo o seu legado a prol da nosa cultura”.

2051 lecturas