A Xunta licita por preto de 1,8 M€ as obras de rehabilitación do edificio da Xunta na praza de Mazarelos de Santiago de Compostela

A actuación, cun prazo de execución de 8 meses, consistirá na restauración e mellora da envolvente térmica e da distribución interior do edificio, que alberga a Oficina de Turismo da Xunta en Santiago e a Secretaría  Xeral da Emigración. 

O obxectivo é avanzar na recuperación do patrimonio da Xunta coa intervención neste inmoble da cidade histórica.

Resolveranse as deficiencias causadas polo paso do tempo na fachada e nas cubertas, substituirase a carpintería, instalarase un novo ascensor e renovarase a instalación eléctrica e a climatización.

As empresas interesadas na execución desta obra poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 6 de xuño.

Edificio da Xunta de Galicia na praza de Mazarelos (Santiago de Compostela)
Edificio da Xunta de Galicia na praza de Mazarelos (Santiago de Compostela)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022.

A Xunta licitou hoxe por importe de 1,79 millóns de euros as obras para a rehabilitación do edificio da Xunta na praza de Mazarelos nº 15 de Santiago de Compostela.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica a contratación destas obras, ás que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 6 de xuño.

A intervención, cun prazo de execución de 8 meses, consistirá na restauración e mellora da envolvente térmica e da distribución interior dos espazos deste edificio situado na cidade histórica, que alberga as dependencias da Oficina de Turismo da Xunta en Santiago e tamén da Secretaría  Xeral da Emigración.

Esta actuación conta co cofinanciamento da Unión Europea no marco do  programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O desenvolvemento da obras
O edificio da praza de Mazarelos está ocupado actualmente en parte da planta baixa pola Oficina de Turismo da Administración autonómica. O resto dese mesmo andar, así como o primeiro e o segundo, acollen as instalacións da Secretaría  Xeral da Emigración da Xunta. 

Na actualidade, o edificio carece de illamento térmico e presenta deficiencias nas fachadas e nas cubertas, deterioracións provocadas polo paso do tempo, que causan filtracións e perdas de calor.

O obxecto do contrato licitado hoxe pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é resolver estas deficiencias con actuacións tanto na envolvente do edificio como no seu interior. 

Respecto á envolvente, acometeranse traballos de restauración e mellora nas cubertas inclinadas, que incluirán a colocación de illamento térmico, capa impermeabilizadora e soporte da nova tella cerámica curva, xunto coa execución de canlóns ou substitución, segundo o caso.

Nas fachadas, realizarase o tratamento da  sillería, cornixas, relevos e  hidrofugado; colocarase ademais un sistema de illamento térmico polo exterior nas zonas lisas do revestimento existentes.

Tamén se substituirán as carpinterías de madeira por carpinterías de madeira de castiñeiro laminado, e procederase ao illamento de planta soto, que actualmente se atopa en contacto directo co terreo.

Respecto aos traballos no interior, o contrato licitado inclúe a colocación dun novo ascensor eléctrico, de baixo consumo, en substitución do hidráulico, que ademais chegará á planta soto. Modificarase a distribución interior do edificio, sen afectar á estrutura vertical e horizontal do mesmo, cun cambio das tabiquerías, teitos e pavimentos. 

Ademais, substituiranse as instalacións do edificio, sendo as máis relevantes a electricidade, a iluminación e a climatización. Disporase, así, de nova iluminación con tecnoloxía led, un sistema de climatización (calor-frío) e renovación para todo o edificio, acorde á nova distribución.

361 lecturas