O DOG publica o inicio dos trámites para a rehabilitación do edificio da Xunta na praza de Mazarelos, en Santiago, que suporá un investimento autonómico de 1,8 M€

Trátase de desenvolver as actuacións necesarias para executar as obras de restauración, mellora da envolvente térmica e distribución interior do edificio que alberga a oficina de Turismo da Xunta e a Secretaría Xeral da Emigración.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez prevé a licitación desta actuación de recuperación do patrimonio da Xunta antes de final de ano, para a súa execución en 2022.

Os traballos comprenden o illamento térmico do conxunto do edificio e a modificación da distribución interior deste inmoble da cidade histórica.

Edificio da praza de Mazarelos, nº 15
Edificio da praza de Mazarelos, nº 15
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2021.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de publicar no Diario Oficial de Galicia o inicio das actuacións para a rehabilitación do edificio da Xunta na praza de Mazarelos nº 15, en Santiago, que suporá un investimento autonómico de 1,8 millóns de euros.

Trátase de desenvolver as actuacións necesarias para a execución da obras para a restauración, mellora da envolvente térmica e distribución interior dos espazos deste edificio situado na cidade histórica, que alberga as dependencias da Oficina de Turismo da Xunta e tamén da Secretaría Xeral da Emigración. Na seguinte ligazón ao DOG pode consultarse a resolución: https://bit.ly/2Yt1lYv

O departamento que dirixe Ethel Vázquez prevé a licitación desta actuación de rehabilitación do patrimonio da Xunta antes de finais de ano, para a súa execución en 2022. O prazo das obras é de 8 meses.

O detalle das actuacións
O edificio da praza de Mazarelos está ocupado actualmente na planta baixa pola Oficina de Turismo da administración autonómica, e o resto desa mesma planta, así como a primeira e segunda, acolle as dependencias da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta.

Na actualidade, o edificio carece de illamento térmico, detectándose ademais unha serie de deficiencias tanto nas fachadas como nas cubertas, debidas á deterioración provocada polo paso do tempo, o que supón un foco de filtracións e humidades que provocan perdas de calor, ademais de reducir os niveis de salubridade e confort.

Para resolver estas deficiencias, a Xunta ten proxectadas distintas actuacións, tanto na envolvente do edificio como no seu interior.

Respecto á envolvente, acometeranse traballos de restauración e mellora nas cubertas inclinadas, que incluirán a colocación de illamento térmico, capa impermeabilizadora e soporte da nova tella cerámica curva, xunto coa execución de canlóns ou substitución, segundo o caso.

Nas fachadas, realizarase o tratamento da sillería, cornixas, relevos e xambas, e hidrofugado; colocarase ademais un sistema de illamento térmico polo exterior nas zonas lisas do revestimento existentes.

Tamén se substituirán as carpinterías de madeira por carpinterías de madeira de castiñeiro laminado, e procederase ao illamento de planta soto, que actualmente se atopa en contacto directo co terreo.

Respecto aos traballos no interior, prevese a colocación dun novo ascensor eléctrico, de baixo consumo, en substitución do hidráulico, que ademais chegará á planta soto. Modificarase a distribución interior do edificio, sen afectar á estrutura vertical e horizontal do mesmo, cun cambio das tabiquerías, teitos e pavimentos.

Ademais, substituiranse as instalacións do edificio, sendo as máis relevantes a electricidade, a iluminación e a climatización. Disporase, así, de nova iluminación con tecnoloxía led, un sistema de climatización (calor-frío) e renovación para todo o edificio, acorde á nova distribución.

304 lecturas