A Consellería de Infraestruturas comeza a rehabilitación do edificio da Xunta na praza de Mazarelos de Santiago, cun investimento de case 1,8 M€

A actuación, que comezou coas demolicións interiores, consiste na restauración e mellora da envolvente térmica do edificio, no que están a Oficina de Turismo e a Secretaría  Xeral da Emigración. 

O obxectivo é avanzar na recuperación do patrimonio da Xunta coa intervención neste inmoble da cidade histórica, cuxas obras teñen un prazo de 8 meses.

Resolveranse as deficiencias causadas polo paso do tempo na fachada e nas cubertas, substituirase a carpintería, instalarase un novo ascensor e renovarase a instalación eléctrica e a climatización.

  • O edificio alberga a Oficina de Turismo da Xunta en Santiago e a Secretaría  Xeral da Emigración
    O edificio alberga a Oficina de Turismo da Xunta en Santiago e a Secretaría  Xeral da Emigración
  • O edificio alberga a Oficina de Turismo da Xunta en Santiago e a Secretaría  Xeral da Emigración
    O edificio alberga a Oficina de Turismo da Xunta en Santiago e a Secretaría  Xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2023.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de rehabilitación do edificio da Xunta na praza de Mazarelos, en Santiago de Compostela, que suporán un investimento de 1,79 M€.

A intervención, que se iniciou esta semana con traballos de demolicións interiores, consiste na restauración e mellora da envolvente térmica e da distribución interior deste edificio situado na cidade histórica, que alberga a Oficina de Turismo da Xunta en Santiago e a Secretaría  Xeral da Emigración.

Na actualidade, o edificio carece de illamento térmico e presenta deficiencias nas fachadas e nas cubertas, deterioracións provocadas polo paso do tempo, que causan filtracións e perdas de calor.

O obxectivo é resolver estas deficiencias con actuacións, tanto na envolvente do edificio como no seu interior. 

Respecto á  envolvente, acometeranse traballos de restauración e mellora nas cubertas inclinadas, coa colocación de illamento térmico, capa impermeabilizadora e soporte da nova tella cerámica curva, xunto coa execución de canlóns ou substitución, segundo o caso.

Nas fachadas realizarase o tratamento da  sillería, cornixas, relevos e  hidrofugado; e colocarase un sistema de illamento térmico polo exterior nas zonas lisas do revestimento existentes.

Tamén se substituirán as carpinterías de madeira por outras de madeira de castiñeiro laminado e procederase ao illamento de planta soto, que actualmente se atopa en contacto directo co terreo.

No interior colocarase un ascensor eléctrico, de baixo consumo, en substitución do hidráulico, que ademais chegará á planta soto. Modificarase a distribución interior do edificio, sen afectar á estrutura vertical e horizontal, cun cambio das tabiquerías, teitos e pavimentos. 

Substituiranse, ademais, as instalacións do edificio, destacando a electricidade, a iluminación e a climatización. Así, disporase de nova iluminación con tecnoloxía led, un sistema de climatización (calor-frío) e renovación para todo o edificio, acorde á nova distribución.

Esta actuación, cun prazo de execución de 8 meses, conta co cofinanciamento da Unión Europea no marco do  programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

92 lecturas