A Xunta informa, nos seus países de residencia, ás e aos participantes no programa de Emigración ‘Conecta co Camiño’ que comeza mañá
As delegacións da Xunta no Uruguai e na Arxentina, a Federación de Sociedades Gallegas de Cuba e a Hermandad Gallega de Venezuela mantiveron nas últimas horas unha reunión informativa coas e cos mozos galegos e galegas residentes nestes países que participarán a partir de mañá, 20 de xullo, no programa Conecta co Camiño que organiza a Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Política Social e Xuventude.
O programa ofrece 60 prazas para que mozos e mozas galegas do exterior de entre 18 e 20 anos poidan percorrer a ruta xacobea entre o 20 e o 31 de xullo. Esta iniciativa ten como obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago, coñecendo a realidade da Galicia actual e moderna, actuando de altofalantes da mesma nos países onde residen. En total, ofértanse 60 prazas, distribuídas entre os diferentes países con maior presenza de colectividade galega. Os beneficiados e beneficiadas aloxaranse na Residencia Xuvenil Altamar de Vigo, dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e Xuventude.
Novas relacionadas








