A Xunta impulsa os programas de retorno na recepción aos participantes do Conecta co Voluntariado na Secretaría Xeral da Emigración
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe na Secretaría Xeral da Emigración aos participantes do programa Conecta co Voluntariado, unha iniciativa que ten como obxectivo reforzar os vínculos entre a mocidade galega residente no exterior e a súa terra de orixe. Durante o encontro, os participantes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man os programas de retorno que a Xunta de Galicia ofrece para facilitar o regreso e a integración dos galegos no exterior que desexan volver a Galicia.
Ademais, os asistentes recibiron información sobre o Carné Xove Exterior, unha ferramenta que lles permitirá acceder a unha ampla gama de descontos e vantaxes tanto en Galicia como noutros países, facilitando a súa mobilidade e acceso a recursos culturais, deportivos e de ocio. Esta iniciativa reflicte o compromiso da Xunta de Galicia por seguir apoiando á mocidade galega, independentemente de onde se atopen, para que manteñan un vínculo activo coa súa terra.
O secretario xeral destacou a relevancia do programa Conecta co Voluntariado non só como unha oportunidade para coñecer Galicia, senón tamén como un medio para contribuír á preservación e promoción do patrimonio cultural galego. Esta experiencia, que combina voluntariado, formación e actividades de convivencia, constitúe unha vivencia enriquecedora para os mozos e mozas, ao tempo que beneficia ás comunidades locais coas que interactúan.
Este programa, que se desenvolve en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, ofrece a 20 participantes a oportunidade de coñecer Galicia a través de actividades de voluntariado, que se realizarán no campo de traballo do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, Lugo, ata o 9 de setembro.
Novas relacionadas





