A Xunta felicita ao Centro Gallego de Montevideo por poñer en marcha o evento interxeracional e interinstitucional “A Nosa Familia”, que uniu a todas e todos os galegos de Montevideo
A delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez Alonso, asistiu ao emotivo Festival Grupo Folklórico Gallego Raigames “A Nosa Familia” que se celebrou no Teatro Valle Inclán, organizado polo Centro Gallego de Montevideo. Este evento destacou non só polo espectáculo que ofreceu, senón tamén polo forte simbolismo que marcou a ocasión. Nun xesto de amizade e fraternidade, representantes de diversas institucións uníronse nun baile espontáneo, no que participaron bisavós, avós e netos, cumprindo un soño anhelado durante moitos anos.
A celebración, na que participou a banda de gaitas Aturuxeiros, foi un reflexo de integración tanto dentro da institución como a nivel interinstitucional, fortalecendo os lazos de amizade e colaboración entre os diferentes grupos dos centros galegos de Montevideo. Ademais, durante o acto tivo lugar o traspaso da coordinación dos grupos de baile do histórico Centro Gallego de Montevideo, onde Beatriz Pérez Montero cedeu a testemuña ás profesoras da institución, Victoria González e Sofia Rodríguez, marcando un compromiso continuo coa cultura galega e a irmandade na capital do Uruguai. Este festival foi un testemuño vivo da unión e o amor pola tradición galega no país do Cono Sur.
Novas relacionadas






