A Xunta favorecerá o financiamento de 100 pemes galegas ao facilitar a concesión de préstamos a través do programa Resolve

A Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitará a autorización de créditos avalados nun 100% para que as pequenas e medianas empresas mobilicen 15 millóns de euros e conten co activo corrente que precisan.

Increméntase ata 500.000 euros o importe máximo dos préstamos, que poderán devolverse ata en sete anos. 

Desde a posta en marcha desta iniciativa en 2009, aprobáronse máis de 3.200 operacións para mobilizar créditos bancarios para circulante que acadaron os 111 millóns de euros. 

O programa Resolve é unha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Retorna 2020, que pretende facilitar a volta a Galicia das e dos galegos residentes no exterior
O programa Resolve é unha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Retorna 2020, que pretende facilitar a volta a Galicia das e dos galegos residentes no exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2018.

A Xunta ten previsto mobilizar 15 millóns de euros en préstamos para impulsar o acceso ao circulante das pemes e as autónomas e autónomos galegos a través do lanzamento nas próximas datas dunha nova convocatoria do programa Resolve, co obxectivo de colaborar co tecido empresarial galego e contribuír ao mantemento do emprego mellorando a situación financeira de arredor de 100 pequenas e medianas empresas.

Así, favorecerase o funcionamento diario das pequenas e medianas empresas facilitando a concesión de préstamos a partir de 3000 euros. Como novidade este ano, increméntase o importe máximo dos créditos ata os 500.000 euros, fronte aos 150.000 da anterior convocatoria.

Deste xeito, impúlsase o acceso ao financiamento de circulante mediante préstamos avalados nun 100% polas Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) que, á súa vez, contan cun reaval da Consellería de Economía, Emprego e Industria polo 25% do risco asumido.

As operacións apoiadas a través do Resolve, que se articula a través dun convenio entre o Igape, as SGR e as entidades financeiras, terán un prazo máximo de duración de 7 anos, incluídos 2 de carencia. Tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das bases que regulan este programa, o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 31 de outubro de 2018.

A través do programa Resolve, posto en marcha en 2009, a Xunta leva aprobadas nos últimos anos máis de 3200 operacións para mobilizar préstamos para circulante por importe de máis de 111 millóns de euros. Esta iniciativa, que mediante axudas en forma de garantía, favorece o acceso ao crédito das empresas galegas reforzándoas ante as entidades financeiras, forma parte do paquete integral de financiamento da Xunta denominado Galicia 1000.

453 lecturas