A Xunta destina preto de 3,2M€ á nova convocatoria de préstamos directos para impulsar proxectos innovadores de pemes galegas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar unha nova edición do programa de instrumentos financeiros innovadores vinculado á execución de proxectos de I+D+i (IFI Innova).

Concederanse créditos de entre 50.000 e 500.000 euros con condicións financeiras vantaxosas.

Están dirixidos especificamente a que micro, pequenas e medianas empresas melloren a súa competitividade.

Esta iniciativa ten permitido xa apoiar investimentos por máis de 5,4 millóns de euros en sectores como o das TIC, a biotecnoloxía ou o forestal.

O programa de préstamos IFI Innova é unha das preto de 60 medidas que conforman a Estratexia Galicia Retorna
O programa de préstamos IFI Innova é unha das preto de 60 medidas que conforman a Estratexia Galicia Retorna
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2020.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e o Igape, abre unha das liñas do programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs). En concreto, a destinada a que as pemes poidan impulsar proxectos de I+D+i (IFI Innova). A Xunta achega 3.175.000 euros a esta nova convocatoria mediante a cal se concederán créditos de entre 50.000 e 500.000 euros con condicións financeiras vantaxosas. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de decembro ou ata o esgotamento do orzamento.

Os préstamos IFI Innova, cofinanciados mediante o programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, están dirixidos a micro, pequenas e medianas empresas que desenvolvan a súa actividade en Galicia e que desexen executar un novo proxecto de I+D+i co obxectivo de mellorar a posición competitiva da compañía e que estea aliñado cos retos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia.

Desde a posta en marcha dos préstamos IFI Innova en 2017, apoiáronse a través deste programa un total de 19 proxectos que obtiveron préstamos por valor de preto de 3,6 millóns de euros e que permiten mobilizar investimentos por máis de 5,4 millóns en iniciativas innovadoras desenvolvidas por pemes e micropemes galegas dos ámbitos das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), a ciberseguridade, as telecomunicacións ou os videoxogos; ademais da automoción, a biotecnoloxía, a ecoinnovación, o forestal ou os novos materiais.

Estes préstamos ofrecen condicións vantaxosas, como un tipo de interese reducido (euríbor a un ano +0,10%) cunha porcentaxe de financiamento do 70% a través do préstamo e un 30% de fondos propios ou financiamento bancario; un importe de entre 50.000 e 500.000 euros sen necesidade de garantías ata os 200.000 euros; e un prazo de amortización de entre 2 e 12 anos, cun máximo de catro anos de carencia e a posibilidade de incorporar amortizacións aceleradas en función da xeración de recursos da empresa.

Entre os custos financiables atópanse os gastos de persoal vinculado ao desenvolvemento do proxecto e os custos de bens de equipo, instalacións técnicas, equipos para procesos de información ou datos, software, moldes e materiais para o desenvolvemento do proxecto; así como os custos de investigación contractual, coñecementos técnicos e patentes adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas ou a contratación a entidades de investigación ou desenvolvemento tecnolóxico.

402 lecturas