A Xunta destinou máis dun millón de euros, nos últimos catro anos, a axudar a emigrantes retornados

Reproducimos aquí o artigo publicado en 'El Correo Gallego' o domingo 6 de novembro.

No caso de axudas extraordinarias, Emigración resolve cada petición de maneira individual.

Deste xeito, os beneficiarios non teñen que esperar ao final da convocatoria para percibir as contías que solicitaron.

Máis de medio millón de euros presupostáronse para estas situacións que demandan atención urxente.

Ademais, a Secretaría destina outra cantidade similar a axudas ao retorno emprendedor.

A Xunta destinou máis dun millón de euros, nos últimos catro anos, a axudar a emigrantes retornados
A Xunta destinou máis dun millón de euros, nos últimos catro anos, a axudar a emigrantes retornados
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2016.

A Xunta destinou nos orzamentos da Secretaría Xeral da Emigración máis de medio millón de euros, nos últimos catro anos, a axudas económicas en favor de emigrantes retornados, coa fin de que fixesen fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia. Estas axudas destínanse a feitos de urxente atención, teñen carácter paliativo e fan fronte a aquelas causas sobrevindas derivadas do retorno que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos polos afectados, de tal maneira que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos que poidan ter nese momento.

A Secretaria Xeral da Emigración resolve cada petición de maneira individual, de maneira que un beneficiario non ten que esperar á extinción da convocatoria para poder percibir a axuda.

As persoas que pretenden acollerse a esta liña de axudas deben residir legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España. Igualmente, fai falta que non transcorrese máis dun ano desde a data do seu retorno a España, e esíxese tamén que teña nacionalidade española antes do retorno, estea empadroado e teña residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, careza de rendas ou ingresos suficientes, e tampouco posúa bens mobles ou inmobles cuxo valor supere o límite establecido na convocatoria das axudas.

En cada convocatoria anual especifícanse os criterios para a baremación das solicitudes, que inclúen conceptos relacionados cos ingresos e recursos económicos da persoa solicitante, a súa situación familiar, os graos de discapacidade ou enfermidade, ou o feito de que sexa vítima de violencia de xénero, entre outras circunstancias. Así mesmo, a resolución tamén detalla a contía, pago e compatibilidade deste tipo de axudas. Para este tipo de axudas, Emigración destinou máis de medio millón de euros dos seus orzamentos no últimos catro anos.

Fomentar o emprendemento
Ademais destas axudas, Emigración pon en marcha outra liña de apoio ao retorno, con destinatarios obxectivos distintos: as subvencións para autoemprego e creación de empresas por parte de emigrantes retornados. Desde a súa posta en marcha, a citada Secretaría orzou globalmente nesta liña medio millón de euros.

Impulsadas por estas axudas, cunha contía máxima que pode chegar a 8.000 euros, puxéronse en marcha medio centenar de actividades económicas. A iniciativa complementa, sen excluílas, as axudas doutros departamentos autonómicos, e doutras administracións, para autónomos e emprendedores.

O obxectivo das mesmas é aproveitar os coñecementos e experiencia dos galegos no Exterior, e tamén facilitar o seu retorno á terra natal. Desta maneira, tanto a Galicia territorial como o retornado aproveitan a bagaxe persoal e profesional deste.

Ademais de garantir o autoemprego para a persoa retornada, implican na maioría dos casos a creación ou consolidación de empregos directos e indirectos na localidade onde se implanta a nova empresa. Xéranse por tanto non só novos postos de traballo, senón maior mobilidade financeira local, e axúdase ao empuxe da economía da zona. Ao mesmo tempo, axúdase a recuperar poboación para a Galicia territorial e, nalgúns casos, a fixala en territorios con descenso demográfico.


Fonte: El Correo Gallego

911 lecturas