As axudas para autoemprego e creación de empresas de emigrantes retornados impulsaron medio cento de negocios

Recollemos o texto íntegro do artigo publicado hoxe no xornal 'El Correo Gallego'.

O obxectivo é aproveitar os coñecementos e experiencia dos galegos no Exterior, e tamén facilitar o seu retorno á terra natal.

Estas subvencións, cunha contía máxima que pode chegar a 8.000 euros, son iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración e complementan, sen excluílas, as axudas doutros departamentos autonómicos, e doutras administracións, para autónomos e emprendedores.

Na imaxe, un dos negocios emprendidos (unha tenda de té en Arteixo - A Coruña) coa axuda destas subvencións da Secretaría Xeral da Emigración
Na imaxe, un dos negocios emprendidos (unha tenda de té en Arteixo - A Coruña) coa axuda destas subvencións da Secretaría Xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2016.

A Xunta puxo en marcha neste 2016, por cuarto ano, subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas, e os seus cónxuxes, iniciativa para a que presupostou globalmente medio millón de euros. Trátase de axudas, cun tope máximo de 8.000 euros por solicitude (no caso de muller, menor de 39 anos, e membro dunha sociedade laboral ou cooperativa), compatibles e complementarias coas axudas establecidas -para todas as fases de emprendemento- para a poboación galega xeral da Consellería de Economía, Emprego e Industria -tanto a través da Secretaría Xeral de Emprego como do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE)- e tamén doutras administracións e entidades privadas.

Un dos aspectos máis destacables destas axudas é que, ademais de garantir o autoemprego para a persoa retornada, implican na maioría dos casos a creación ou consolidación de empregos directos e indirectos na localidade onde se implanta a nova empresa. Xéranse por tanto non só novos postos de traballo, senón maior mobilidade financeira local, e axúdase ao pulo da economía da zona. Ao mesmo tempo, axúdase a recuperar poboación para a Galicia territorial e, nalgúns casos, a fixala en territorios con descenso demográfico.

As axudas postas en marcha para o retorno emprendedor están a demostrar que a vontade dos galegos do Exterior, cando volven á súa terra, é seguir axudando ao seu progreso e desenvolvemento económico. Moitas destas iniciativas supoñen para eles unha segunda oportunidade, con maiores e mellores coñecementos e, para os residentes na Galicia territorial, un balón de osíxeno fundamental nas microeconomías locais.

Medio centenar de novas empresas
Estas achegas axudaron a poñer en marcha, ata a data, medio centenar de novas actividades económicas por parte de galegas e galegos do Exterior que retornaron á terra, algunhas delas innovadoras, como unha pizzería-ludoteca, ou un local especializado en té. Abriron ademais as súas portas negocios como estudo de arquitectura, comercio téxtil, de calzado, barbería, cantería, xestoría, xoiería, ou ximnasio, entre moitos outros.

A subvención inclúe os gastos que leva consigo o establecemento das persoas galegas emigrantes retornadas, ben como traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como socios traballadores de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. Así, son obxecto de subvención para os destinatarios ata o 80 por cento dos gastos de notaría e rexistro, tributos, licenzas administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de vendas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (tales como calefacción, auga, gas, electricidade, telefonía e internet).

A contía tope da axuda é de 4.000 euros para autónomos e 6.000 para sociedades laborais ou cooperativas, en ambos os casos con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos, e outros 1.000 máis se a persoa solicitante é muller.

Os requisitos que contempla a resolución é cumprir a condición de persoa galega retornada, que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dada de alta no réxime da Seguridade Social ou mutualidad do Colexio Profesional que lle corresponda.

 

Fonte: El Correo Gallego

982 lecturas