O DOG publica a convocatoria de axudas extraordinarias para facilitar a chegada a Galicia ás e aos emigrantes retornados con menos recursos

A Secretaría Xeral da Emigración incrementa nun 175 % esta partida, a suba máis elevada dos orzamentos do departamento galego, que alcanzará este ano os 550.000 euros.

O aumento desta contía destinarase, en gran medida, a paliar as consecuencias que a difícil situación en Venezuela acarreira aos galegos e galegas que queren retornar desde o país suramericano.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2018.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a emigrantes galegas e galegos retornados, que teñen por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu regreso á Comunidade Autónoma de Galicia ás  familias que presentan máis dificultades para levalo a cabo.

A partida destinada pola Secretaría Xeral para este ano, de 550.000 euros, é a que experimenta unha maior suba nos presupostos totais do departamento, cun 175 %, que se empregarán en gran parte para paliar a delicada situación económica e social á que teñen que facer fronte os galegos e galegas de Venezuela no seu regreso a Galicia. Deste país suramericano retornaron 1.492 cidadás e cidadáns galegos só en 2016, de aí o esforzo que o Goberno galego está a facer para facilitar o regreso das e dos galegos de Venezuela á comunidade autónoma.

Aliviar a carencia de recursos  
Segundo establecen as propias bases da convocatoria, “estas axudas fundaméntanse en feitos de urxente atención, teñen carácter paliativo e destínanse a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno que, polas súas circunstancias, requiren dunha atención perentoria na obtención de recursos polos afectados, de tal xeito que alcancen a complementar ou aliviar a carencia de recursos”.

As persoas que queiran acollerse a esta liña de axudas deben ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España. Igualmente, cómpre que non teña transcorrido máis de dous anos entre a data do seu retorno a España e a da publicación desta resolución. Esíxese tamén que a persoa estea empadroada e teña residencia nun concello galego, careza de rendas ou ingresos suficientes, e non posúa bens mobles ou inmobles cuxo valor supere o límite establecido na convocatoria. As solicitudes poden presentarse ata o 31 de agosto deste ano, incluído o propio día 31.

Tres liñas para fomentar o retorno
As Axudas Extraordinarias á Persoa Emigrante Retornada son a segunda das tres liñas de axudas que a Secretaría Xeral da Emigración ten para fomentar e facilitar o retorno a Galicia dos galegos e galegas residentes no exterior. A primeira que se convocou este ano, as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), mantén aberto o seu prazo de solicitudes. Trátase da iniciativa máis novidosa deste departamento do Goberno galego, e na súa primeira edición recibiu 184 peticións para as 100 prazas que concedía a licenciadas e licenciados galegos residentes no estranxeiro que quixeran cursar un mestrado nalgunha das tres universidades públicas galegas. Destinou a este programa preto dun millón de euros. 

A terceira liña, que abrirá nos vindeiros días o seu prazo de inscrición, é a de Axudas ao Retorno Emprendedor, que se puxo en marcha en 2013 e permitiu facer realidade xa 87 proxectos empresariais de persoas galegas residentes no estranxeiro que regresaron a Galicia para montar o seu propio negocio. Este ano, esta iniciativa contará con 200.000 euros de orzamento.

Unha tendencia demográfica que se consolida
En total, o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda destinará en 2018, só a través destas tres liñas de axuda, máis de 1,6 millóns de euros en medidas para fomentar o retorno, que segue a consolidarse como a tendencia demográfica que está a experimentar a comunidade autónoma galega. Só en 2016 regresaron a Galicia 5.125 galegas e galegos residentes no estranxeiro.

806 lecturas