A Xunta destina preto de 1,3 millóns á atracción dos mellores expedientes universitarios do Exterior na cuarta convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior

O goberno galego pretende atraer os currículos máis valiosos de titulados universitarios galegos residentes no exterior, incentivando así que fixen a súa residencia e a súa actividade laboral aquí.

As bolsas sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención cunhas contías que oscilan entre os 7.000 e os 11.574 euros.

Entre 2017 e 2020 ofrécense un total de 800 bolsas para fomentar o regreso de mozos galegos que viven fóra das nosas fronteiras para cursar un máster ou un ciclo superior de FP.

A Xunta destina preto de 1,3 millóns á atracción dos mellores expedientes universitarios do Exterior na cuarta convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior
A Xunta destina preto de 1,3 millóns á atracción dos mellores expedientes universitarios do Exterior na cuarta convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2020.

O Consello da Xunta aprobou onte, unha nova convocatoria, por parte da Secretaría Xeral da Emigración, das ‘bolsas excelencia mocidade exterior (BEME)’, cuxa cuarta edición mantén o incremento do 50 % materializado no 2019, tanto no número de prazas dispoñibles como na dotación económica asignada. Deste xeito, o Goberno galego destina case 1,3 millóns de euros impulsando a captación dun total de 150 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial. Non en van, o obxectivo das BEME é non so atraer cada ano galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Requisitos para ser beneficiario e contía da bolsa

Os beneficiarios da iniciativa deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno). 

Á convocatoria do ano pasado presentáronse un total de 423 solicitudes procedentes de preto de 30 países distintos, das que unha terceira parte (134) proviñan de Arxentina; outras 85 procederon de Venezuela, 59 do Brasil, 34 do Uruguai, 27 do Reino Unido e 21 de México. Tamén chegaron expedientes académicos desde outros países do mundo como Cuba (9), Chile (8), Panamá (6), Portugal (6), Alemaña (5), Bolivia (3), Costa Rica (2), Irlanda (2), Suíza (2), Australia, Austria, Colombia, Dinamarca, Ecuador, O Salvador ou Estados Unidos de América.

Así mesmo, cómpre salientar que a idade media dos solicitantes desa terceira convocatoria foi de 29 anos, e que dos 150 beneficiarios, 25 son da Galicia territorial (emigrantes nados ou que residisen máis de 10 anos en Galicia antes de emigrar). Os galegos de segunda e terceira e seguintes xeracións acaparan o 83 % das BEME desta convocatoria cun total de 125 bolseiros (47 fillos de emigrantes galegos, 72 netos e 6 bisnetos).

800 oportunidades de retorno

O obxectivo do Goberno galego é que a publicación desta orde se realice coa maior brevidade posible no Diario Oficial de Galicia (DOG) para que o prazo de solicitudes, que se pechará o 30 de abril, poida abrirse canto antes. Os alumnos terán ata o 8 de agosto para presentar a matrícula nos mestrados elixidos, e os primeiros estudantes arrancarán o curso no mes de setembro.

Con esta nova convocatoria e a que publicará en breve a Consellería de Educación para estudos de ciclo superior de formación profesional (FP), o Goberno galego terá ofrecido, entre 2017 e 2020, a posibilidade de retornar a un total de 800 mozos galegos do exterior, tanto no ámbito universitario como no de FP.

832 lecturas