A Xunta incrementa nun 50 % o programa de atracción dos mellores expedientes universitarios do exterior na terceira convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior

O investimento da Secretaría Xeral da Emigración para ampliar esta iniciativa pasará dos 860.000 euros de 2018 aos máis de 1,1 millóns en 2019, destinados a financiar os estudos de mestrado das e dos 150 universitarios galegos máis brillantes do estranxeiro. 

O Goberno galego suma entre 2017 e 2019 un total de 550 bolsas para fomentar o regreso de mozas e mozos galegos que viven fóra das nosas fronteiras para cursar un mestrado ou un ciclo superior de FP.

O Consello da Xunta aprobou onte a convocatoria das BEME, cuxo prazo de solicitude se abrirá nos próximos días
O Consello da Xunta aprobou onte a convocatoria das BEME, cuxo prazo de solicitude se abrirá nos próximos días
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2019.

O Consello da Xunta aprobou onte a convocatoria, por parte da Secretaría Xeral da Emigración, das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), cuxa terceira convocatoria incrementa nun 50 % tanto o número de prazas dispoñibles como a dotación económica asignada. Con este programa o Goberno galego posibilitará que un total de 150 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñeiría ou arquitectura, poidan cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

O incremento de recursos para este programa, xestionado por Emigración en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, as universidades galegas, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, irá acompañado dun aumento na súa dotación orzamentaria, que pasa dos 860.625 euros de 2018 aos 1.110.625 de 2019. O obxectivo é, non so atraer cada ano cidadás e cidadáns galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada, senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia. 

Todos os beneficiarios e beneficiarias destas axudas contarán, ademais, por segundo ano consecutivo cunha orientación laboral coa que se pretende, non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre as mozas e os mozos residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade, contribuíndo a fixar novas e novos residentes no territorio. A oferta centrarase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. 

Requisitos para ser beneficiaria ou beneficiario e contía da bolsa
As e os beneficiarios da iniciativa deben ser galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior, e estar admitido na pre inscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas. A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aquelas e aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun presuposto total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno ou alumna).

Á segunda convocatoria deste programa formativo presentáronse un total de 350 solicitudes procedentes de preto de 30 países distintos, das que unha terceira parte, 117, proviñan de Venezuela, outras 66 procederon da Arxentina, 40 do Brasil, 34 do Uruguai, 22 do Reino Unido e 20 de México. Tamén chegaron expedientes académicos desde outros 24 países do mundo, como Chile (8), Alemaña (6), Francia (5), Panamá (3), Cuba (3), Bolivia (3), Bélxica (2), Andorra, Austria, Canadá, Colombia, Costa Rica, Ecuador, Emiratos Árabes Unidos, Estados Unidos de América, Guatemala, India, Paraguai, Perú, Polonia ou Portugal. A idade media das e dos solicitantes foi de 30 anos, pero o grupo máis numeroso é o de 28 anos, e máis do 60 % son mulleres. 

Desde preto de 30 países distintos
O obxectivo do Goberno galego é que a publicación desta orde se realice á maior brevidade posible no Diario Oficial de Galicia (DOG) para que o prazo de solicitudes, que se pechará o 30 de abril, poida abrirse canto antes. As alumnas e alumnos terán ata o 8 de agosto para presentar a matrícula nos mestrados elixidos, e as e os primeiros estudantes arrancarán o curso no mes de setembro.

Con esta nova convocatoria e a que publicará en breve a Consellería de Educación para estudos de Ciclo Superior de Formación Profesional (FP), o Goberno galego terá facilitado, entre 2017 e 2019, o retorno dun total de 550 mozas e mozos galegos do exterior, tanto no ámbito universitario como no de FP. 

885 lecturas