A Xunta aproba 2,15M€ para atraer aos 250 mellores expedientes universitarios do exterior na sexta convocatoria das bolsas BEME máster

O Goberno galego aumenta, por segundo ano consecutivo, en 50 as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior para o curso 2022/23 de cara a atraer aos galegos e galegas do exterior de alta cualificación, incentivando así que fixen a súa residencia e a súa actividade laboral na comunidade autónoma.

As bolsas sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención, cunhas contías que oscilan entre os 7.000 e os 11.574 euros dependendo do continente do beneficiario ou beneficiaria. 

Con esta nova convocatoria o Goberno galego terá ofrecido entre 2017 e 2022 un total de 1.150 oportunidades de retorno.

Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de Galicia
Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021.

O Consello da Xunta aprobou hoxe unha nova convocatoria, promovida pola Secretaría Xeral da Emigración, das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME Máster), cuxa sexta edición supón un novo incremento, tanto no número de prazas dispoñibles como na dotación económica asignada. Deste xeito, o Goberno galego destina 2,15 millóns de euros impulsando a captación dun total de 250 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 200 bolsas do pasado curso ás 250 para o 2022/23, aumentando en 50 as bolsas por segundo ano consecutivo.

Con este obxectivo, a administración autonómica pretende axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da covid-19.

O obxectivo das BEME é non so atraer cada ano galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todas e todos os beneficiarios destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Requisitos para ser beneficiario ou beneficiaria e contía da bolsa 
As beneficiarias e beneficiarios da iniciativa deben ser galegas e galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior e estar admitido na preinscrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aquelas e aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de entre 10.500 ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno ou alumna). 

Á convocatoria do ano pasado presentáronse case 500 solicitudes procedentes de preto de 30 países distintos.

1.150 oportunidades de retorno 
O obxectivo do Goberno galego é que a publicación desta orde se realice coa maior brevidade posible no Diario Oficial de Galicia (DOG) para que o prazo de solicitudes, que se pechará o 30 de abril, poida abrirse canto antes.  

Con esta nova convocatoria o Goberno galego terá ofrecido entre 2017 e 2022, incluíndo as equivalentes de FP, a posibilidade de retornar a un total de 1.150 mozas e mozos galegos do exterior no ámbito universitario. 

  • Audio: Rolda de prensa do presidente da Xunta de Galicia | Descargar
854 lecturas