A Xunta destaca o papel do Consello Regulador Rías Baixas na mellora da calidade e a internacionalización dos seus viños

Esta Denominación de Orixe triplicou a produción nos últimos anos mantendo os seus índices de calidade.

As exportacións de viño con esta denominación de calidade multiplicáronse no 2012 ata representar preto do 90% do viño vendido das 5 Denominacións de Orixe vitícolas galega.

O secretario xeral de Medio Rural e Montes asistiu á presentación do segundo Plan Director da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Listen to this page using ReadSpeaker
Pontevedra, 23 de abril de 2014.

O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, destacou hoxe o papel desenvolvido polo Consello Regulador Rías Baixas no relativo á introdución de novas estruturas tecnolóxicas na industria vitivinícola, na calidade dos viños e no seu posicionamento nun mercado internacional cada vez máis complexo e competitivo.

Foi na presentación do 2º Plan Director da Denominación de Orixe Rías Baixas. Neste acto, Tomás Fernández Couto felicitou ao Consello Regulador pola creación de novos produtos, pola consolidación e apertura de novos mercados e pola intensificación dos controis como aval de imaxe de marca da Denominación de Orixe.

A Denominación de Orixe Rías Baixas triplicou a produción dende o ano 2001, mantendo os seus índices de calidade. Ademais, as exportacións de viño con esta D.O. multiplicáronse no 2012 ata representar preto do 90% do viño das 5 Denominacións de Orixe vitícolas galegas, superando os 40.000 hectolitros vendidos e supoñendo un valor económico de máis de 23 millóns de euros.

En apenas 25 anos, a D.O. Rías Baixas multiplicou por 20 as hectáreas de viñedo controladas ata superar as 4.000 e pasou das 14 adegas iniciais adheridas ás 177 actuais. Así, esta D.O. emprega a 7.600 persoas directamente e a 5.200 máis nos meses de maior actividade.

O Plan Director recolle as liñas de actuación a desenvolver pola D.O. Rías Baixas ata o 2018. O obxecto desta folla de ruta é mellorar a competitividade, a rendibilidade e a eficiencia das explotacións e industrias que forman parte da Denominación de Orixe.

756 lecturas