A Xunta destaca a acción exterior como unha oportunidade para favorecer a recuperación económica e os sectores produtivos galegos

Alfonso Rueda presidiu o pasado venres o Consello de Acción Exterior de Galicia (CAEX), que ten como prioridades o novo marco financeiro europeo, a cooperación con Portugal, a internacionalización da empresa galega e o fomento das exportacións.

O conselleiro recoñeceu o avance galego na consecución dunha axuda transitoria a partir de 2013 pero aclarou que non se trata dunha decisión firme da UE e que a Xunta seguirá a traballar en colaboración co Goberno central.

Destacou a ampliación da macrorrexión RESOE de Coimbra a Burdeos, o que aumentará as oportunidades de cooperación e de captación de fondos europeos.

Listen to this page using ReadSpeaker
6 de febreiro de 2012.

Alfonso Rueda presidiu a xuntanza do Consello de Acción Exterior de Galicia. Autor: Xoán CrespoO conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, destacou que a acción exterior galega é unha oportunidade para favorecer a recuperación económica e os sectores produtivos galegos, polo que a Xunta seguirá mantendo as súas prioridades neste eido.

O conselleiro presidiu este venres o Consello de Acción Exterior de Galicia (CAEX) e explicou que desde o comezo da lexislatura este órgano asesor mantén entre as súas prioridades o novo marco financeiro europeo, a cooperación con Portugal, a internacionalización da empresa galega e o fomento das exportacións. Estes catro eixes sectoriais seguiran a ser as liñas mestras da acción exterior galega neste 2012.

Así, durante este ano o Goberno galego seguirá a defender a necesidade de contar cunha axuda transitoria por parte de UE cando Galicia deixe de ser Obxectivo de Converxencia no ano 2013. Un obxectivo, explicou, no que a Fundación Galicia Europa está a xogar un papel fundamental e que terá como prioridade para o ano 2012.

Rueda aclarou que pese a que este obxectivo está moi avanzado e que a Comisión Europea validou a proposta galega de seguir percibindo dous terzos dos fondos que recibe na actualidade, a decisión da UE aínda non é firme e a Xunta seguirá traballando cóbado con cóbado co Goberno central para acadar a denominada “aterraxe suave”.

Doutra banda, tamén no ámbito da UE, Galicia continúa a traballar conxuntamente con Portugal, consciente de que a unión co país veciño é unha oportunidade para ofrecer máis servizos aos veciños da fronteira a para acadar máis fondos europeos.

Así, o Goberno galego ten en marcha iniciativas de cooperación territorial como a Eurocidade Verín-Chaves e Tui-Valença, que se constituirá oficialmente nas vindeiras datas; ou a Agrupación de Cooperación Transfronteiriza Galicia- Norte de Portugal, á que se ten dotado de maior contido e que ten reforzado as súas liñas de acción.

Ademais, o Goberno galego quixo ir máis alá e puxo en marcha unha innovadora fórmula de cooperación, a Macrorrexión de Rexións do Suroeste Europeo (RESOE), que permite a Galicia estar mellora posicionada de cara ao novo modelo financeiro 2014-2020 da UE.

Rueda subliñou que a RESOE arrincou coa participación de Galicia, Castela e León e a Rexión Norte de Portugal e tras un intenso traballo ten sido capaz de ampliar a cooperación cara a unha macorrexión que abarca dende Coimbra a Burdeos, aumentando deste xeito as as súas oportunidades de cooperación e de captación de fondos europeos.

Internacionalización da empresa galega
Outra das liñas mestras da acción exterior da Xunta é a internacionalización das empresas galegas, a través dunha Rede de Plataformas Empresariais no Exterior (Pexga) posta en marcha polo Igape, que ofrece ao tecido produtivo servizos de promoción no exterior, minimizando barreiras e reforzando a súa presenza nos mercados internacionais.

A rede Pexga inclúe na súa programación a presenza en 14 países cuns obxectivos moi claros e ambiciosos: acadar en 2013 un total de 700 novas empresas galegas exportadoras e incrementar en 3.400 millóns as vendas no exterior.

Por último Rueda explicou que a cuarta das prioridades galegas en acción exterior é a relativa ás e aos emigrantes, en cuxa atención xoga un papel fundamental as delegacións no exterior de Arxentina e Uruguai, países onde hai milleiros de galegos e galegas. Segundo explicou o conselleiro entre as dúas delegacións xestionáronse só o ano pasado máis de 11.000 consultas e 4.100 expedientes, relativos a asuntos tan importantes para a vida diaria dos nosos galegos e as nosas galegas na diáspora como axudas económicas, bolsas de estudos ou cursos de galego, entre outros.

Consello de Acción Exterior de Galicia
O Consello de Acción Exterior de Galicia (Caex) é o órgano de traballo asesor da Xunta en materia de acción exterior que se puxo en marcha no ano 2009 co obxectivo asesorar á Xunta no deseño das estratexias, plans e programas en materia de acción exterior.

Na reunión participaron representantes das consellerías de Economía e Industria; Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Medio Rural e Mar, así coma representantes das universidades galegas, do Consello Galego de Cámaras, da Confederación de Empresarios de Galicia, e da Coordinadora Galega de ONGs, entre outras.

731 lecturas