O anteproxecto da Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia aspira a mellorar a proxección da Comunidade galega

O texto iniciará o seu trámite parlamentario despois dun proceso no que participaron os sectores aos que vai dirixido co obxectivo de acadar un amplo consenso social e político.

O anteproxecto pretende abordar a participación na negociación de tratados internacionais, mellorar a atención aos galegos e galegas no exterior, consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e dotar a Galicia de maior protagonismo na cooperación para o desenvolvemento.

A norma avoga por unha política activa de acordos internacionais para defender os intereses da pesca e aposta por proxectar a marca Galicia e o Camiño de Santiago no exterior.

Imaxe do Consello da Xunta
Imaxe do Consello da Xunta
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2020.

O Consello da Xunta na súa reunión deste xoves acordou enviar novamente ao Parlamento de Galicia o anteproxecto da Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia, co fin de que inicie o trámite parlamentario para a súa aprobación, que quedou suspendida por mor da convocatoria electoral.

O texto comeza a tramitación parlamentaria despois dun longo proceso de elaboración no que participaron os sectores máis representativos aos que vai dirixida e coa intención de manter o consenso acadado durante todo o proceso.

Trátase dunha norma pioneira que aspira a mellorar a proxección de Galicia a través da coordinación da acción exterior galega. O anteproxecto pretende tamén regular a participación galega na negociación de tratados internacionais, mellorar a atención das galegas e os galegos no exterior; consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a súa proxección nos países da lusofonía, e dotar a Galicia de maior protagonismo na cooperación para o desenvolvemento.

Ademais no ámbito dos acordos internacionais, hai un apartado específico para defender os intereses do mar no exterior, cunha política activa de acordos da UE con terceiros estados non membros para o aprovisionamento de produtos no mar e estimular acordos con estados non membros da UE para o acceso ás súas augas. No referente á imaxe exterior de Galicia, a acción exterior en materia de turismo vaise centrar na marca Galicia, e facendo especial fincapé no Camiño de Santiago.

A futura lei é resultado dun proceso de debate que comezou o 8 de febreiro de 2019 coa publicación da iniciativa no portal de transparencia da Xunta a efectos de trámite de consulta pública. O texto elaborouse coas máximas garantías de participación e  transparencia co obxectivo de acadar un amplo consenso social e político. Logo da súa remisión ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, o pasado novembro o Consello Galego de Acción Exterior (CAEX) emitiu informe favorable, e o Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE) aprobouno por unanimidade.

A norma aproveita o novo marco xurídico configurado para a mellora da proxección das comunidades autónomas no exterior polas Leis 2/2014, do 25 de marzo, da Acción Exterior e do Servizo Exterior do Estado, e a 25/2014, do 27 de novembro, de Tratados e outros acordos internacionais.

Entre os seus obxectivos estratéxicos destacan a diversificación dos mercados exteriores; a captación de capital mercantil e industrial para investimentos produtivos, así como de capital humano cualificado; favorecer o retorno das e dos emigrantes e os seus e as súas descendentes; e afondar na execución dos obxectivos da Axenda Global de Desenvolvemento das Nacións Unidas.

O anteproxecto ocúpase da aplicación da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX), avalada en 2018 sen votos en contra do Parlamento, como elemento central na coordinación da acción exterior galega. A aprobación da EGAEX converteu a Galicia na primeira comunidade cunha ferramenta destas características, que dá prioridade á defensa dos dereitos da diáspora galega. Prevese o exame do borrador da EGAEX polo Consello da Xunta e que se aborde co Ministerio de Asuntos Exteriores.

Tamén regula a maneira de negociar e executar en Galicia tratados e acordos internacionais tanto na Unión Europea como fóra do marco xurídico da UE, aspecto este último clave coa materialización do brexit

Ademais, regúlanse distintas accións sectoriais no exterior. Así, no ámbito económico, recóllese a posibilidade de que a Administración autonómica examine no primeiro trimestre de cada ano o estudo Doing Business, do Banco Mundial, para avaliar a implantación de medidas coas que mellorar a atracción de capital foráneo. No ámbito educativo, avógase por reforzar o apoio á internacionalización das universidades galegas para captar talentos novos.

No eido da cooperación para o desenvolvemento, mantense o compromiso orzamentario e incorpóranse especificidades co fin de dotar de maior axilidade e flexibilidade á xestión de subvencións aos axentes de cooperación para os proxectos no exterior.

Creación de novas figuras
O texto aprobado este xoves polo Consello da Xunta incorpora figuras novidosas para mellorar a atención á diáspora galega, como a creación do Asento de galegos no exterior con apoio nas xestións a distancia ás e aos residentes no exterior. Ademais, as empresas no exterior poden constituír redes para aproveitar oportunidades de negocio e colaborar a través da inscrición no Asento de empresas e profesionais galegos no exterior. Do mesmo xeito, a lei propón regular o Rexistro de foráneos con intereses en Galicia, que incluirá persoas non españolas e residentes fóra de España que teñan un especial vínculo con Galicia. 

509 lecturas