Feijóo anuncia o inicio da tramitación da nova Lei de Acción Exterior e Cooperación, que busca mellorar a proxección de Galicia e o máximo aproveitamento das potencialidades que se ofrecen no exterior

Destaca que o Goberno galego continúa a executar as previsións de desenvolvemento lexislativo tramitando unha lei que “se adapta ao novo marco xurídico configurado por dúas leis estatais, a de acción Exterior do Estado e a de Tratados e outros acordos internacionais”.

Sinala que o texto será sometido a exposición pública e será enviado e acordado co Ministerio de Asuntos Exteriores.

É a primeira lei que regula de forma integral a acción exterior e a cooperación internacional para o desenvolvemento.

  • Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
    Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
  • Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
    Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2019.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe o inicio da tramitación da nova Lei de Acción Exterior e Cooperación, unha normativa que busca mellorar a proxección de Galicia no exterior, acadar o máximo aproveitamento das potencialidades que se ofrece no exterior e mellorar a coordinación entre todos os actores involucrados, entre os que se atopan a Xunta, concellos, Universidades e ONGs.

Feijóo destacou que o Goberno galego continúa así a executar as previsións de desenvolvemento lexislativo tramitando unha lei que, dixo, “se adapta ao novo marco xurídico configurado por dúas leis estatais, a de acción Exterior do Estado e a de Tratados e outros acordos internacionais”. E salientou que se fai “dende o máximo respecto ás institucións estatais dentro do noso autogoberno e a nosa autonomía”. Por iso, explicou, “será remitida para o seu análise e acordo do Ministerio de Asuntos Exteriores”

Logo de recordar que o texto deste anteproxecto será sometido a exposición pública, destacou que outras das metas máis concretas desta lei son mellorar a atención dos galegos e as galegas no exterior, consolidar a Eurorrexión e a súa proxección nos países da lusofonía –proponse recoller a posibilidade de realizar intercambios de empregadas e empregados públicos entre Galicia e Portugal-, dotar a Galicia dun maior protagonismo no ámbito da cooperación para o desenvolvemento –regúlase a participación do persoal do Sergas en emerxencias internacionais-, e búscase mellorar e seguir avanzando na participación no exterior e na internacionalización da nosa economía.

No ámbito económico, a nova normativa busca a captación de capital mercantil e industrial destinado a investimento produtivo de Galicia, e incluso tamén á captación de capital humano cualificado.

Ademais, Feijóo explicou que a lei conta con dez títulos nos que se inclúen: a cooperación galega –adaptando a lexislación ás novas circunstancias do sector e abordando a axilización dos procedementos administrativos-, a diáspora –establecendo os principios básicos para favorecer o retorno das e dos emigrantes galegos-, a cooperación con Portugal no ámbito da Eurorrexión, as delegacións e oficinas públicas no exterior, e a nova realidade da mobilidade internacional de profesionais e empresas, cun apartado dedicado integramente a esa nova rede de intereses galegos no exterior.

Do mesmo xeito, entre as novidades tamén se atopa a creación dun Asento de galegos no exterior e dun Asento de empresas galegas no exterior, a creación do Rexistro de foráneas e foráneos con intereses en Galicia -que incluirá voluntariamente a aquelas persoas non españolas e residentes fóra do noso país que teñan especial vínculo coa nosa comunidade-, un apoio decidido á internacionalización das universidades galegas e a posibilidade de “dirixirnos ao Goberno de España cando, en tratados internacionais que estea negociando ou cuestionando, entendamos que afecten a Galicia de forma sobranceira”, sinalou.

Feijóo concluíu aseverando que a lei comeza cun período de información pública “convencido de que imos chegar a un acordo” co Ministerio de Exteriores para que Galicia sexa a comunidade que conte coa primeira lei que regula de forma integral a acción exterior e a cooperación internacional para o desenvolvemento. “Galicia será a primeira comunidade autónoma que aprobe un texto deste tenor, que nos parece que nun Estado complexo como o noso este tipo de lexislacións non sobran, senón que son aclaratorias para seguir construíndo o Estado das Autonomías”, sentenciou.

993 lecturas