A Xunta convoca unha nova edición das unidades formativas para que as empresas cualifiquen a máis de 2.000 desempregadas e desempregados á medida das súas necesidades

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 4,5 millóns de euros na nova convocatoria, un orzamento co que estima poñer en marcha 162 novos cursos de formación financiados ao 100% pola Administración galega.

As empresas comprométense a contratar, como mínimo, ao 40% das e dos participantes.

Desde o ano 2018 xa se celebraron 425 cursos para 6233 persoas desempregadas.

Este programa ten permitido a inclusión de 53 novas especialidades, a proposta do tecido empresarial galego, no catálogo formativo do Servizo Público de Emprego Estatal.

Esta iniciativa é unha das máis de medio cento de medidas que integran a Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
Esta iniciativa é unha das máis de medio cento de medidas que integran a Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2020.

A Xunta de Galicia vén de abrir o prazo de solicitude para a convocatoria de axudas da nova edición 2020-2021 das Unidades Formativas en Empresas dirixidas a persoas desempregadas, unha iniciativa coa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria financia o 100% da formación, permitindo atender as demandas reais do tecido produtivo galego.

Deste xeito, a convocatoria do programa, que estará aberta ata o vindeiro 23 de xaneiro, conta cun orzamento global de 4,5 millóns de euros. Agárdase formar a máis de 2000 persoas sen emprego en 162 unidades formativas. Do que se trata con esta medida é de dar resposta aos perfís profesionais que están xurdindo do novo modelo económico baseado nas novas tecnoloxías.

A actuación inclúe por parte do tecido empresarial un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida. A Xunta, ademais, apoiará ás compañías nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%. Os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7.000 e 16.000 euros. As contías máximas outórganse para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego como son as e os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos e persoas emigrantes retornadas. Tamén se bonifica con máis apoio nas contratacións cando a empresa está emprazada no rural galego.

Desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2018, as Unidades Formativas en Empresas para persoas desempregadas levan permitido a celebración de 425 cursos con 6233 prazas e un investimento de máis de 11M€. Este programa, ademais, propiciou a inclusión de 53 novas especialidades, a proposta das empresas, no catálogo formativo do Servizo Público de Emprego Estatal.

Trátase do programa de formación á carta que se imparte en empresas máis ambicioso de todo o Estado, que se complementa coas Unidades Formativas para persoas ocupadas e que se enmarca na Axenda 20, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade. Esta iniciativa tamén dá resposta aos obxectivos da Axenda Industria 4.0, que ten como un dos seus retos principais que o sistema formativo se oriente á realidade do tecido industrial, é dicir, á revolución tecnolóxica na que está inmerso.

771 lecturas