Galicia Emprega apoiará a formación e a contratación de máis de 1.100 mulleres, persoas paradas de longa duración, mozas e mozos e persoas discapacitadas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria convocará, por anticipado de gasto, este programa, no cal en 2020 investirá 10.542.956 euros, un 12% máis ca este ano, para fomentar o emprego na comunidade.

Inclúe catro liñas de axudas nas cales cada contrato se asocia á posibilidade de mellorar a formación impulsando deste xeito a contratación dual en catro dos colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado laboral.

O Bono Formación oscila entre os 2.000 € e os 4.000 €, mentres que os incentivos á contratación poden alcanzar os 16.000 euros, incrementándose no caso de que sexa unha empresa con máis de 50 traballadoras e traballadores e cunha taxa de estabilidade igual ou superior ao 70%, se o centro de traballo está situado nun concello rural, ou no caso de mulleres, maiores de 45 anos ou persoas emigrantes retornadas.

Emprega Muller, cun orzamento de 4,3 M€ -un millón máis ca na convocatoria anterior- é o que contará cun maior investimento para favorecer o emprego feminino.

Desde 2015, máis de 7.300 traballadoras e traballadores destes colectivos prioritarios téñense beneficiado das axudas para o fomento da contratación, grazas a un investimento total de 29,3 millóns de euros. 

O programa Galicia Emprega é unha das máis de medio cento de medidas incluídas na Estratexia Retorna 2020.

O Consello da Xunta aprobou este xoves a convocatoria do programa Galicia Emprega, que inclúe incentivos á contratación de persoas emigrantes retornadas
O Consello da Xunta aprobou este xoves a convocatoria do programa Galicia Emprega, que inclúe incentivos á contratación de persoas emigrantes retornadas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2019.

A Xunta de Galicia convocará, por anticipado de gasto, o programa Galicia Emprega, un programa co que apoiará o próximo ano a formación e a contratación de máis de 1.100 mulleres, persoas paradas de longa duración, mozos e mozas e persoas discapacitadas ou en risco de exclusión, para impulsar, deste xeito, o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego, un dos retos principais da Axenda 20.

Galicia Emprega contará cun orzamento de 10,5 millóns de euros -un 12% máis ca na convocatoria deste ano- para fomentar o traballo na comunidade. Trátase de favorecer os contratos asociados sempre á posibilidade de mellorar a formación. Inclúe catro liñas de axudas -Emprega Muller, Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social, Emprega Parados de Longa Duración e Emprega Xuventude-. Impúlsase, deste xeito, a contratación dual en catro dos colectivos prioritarios da Xunta á hora de acceder ao mercado laboral.

Por unha banda, apóianse cun bono formación os traballadores e traballadoras para que poidan responder ás necesidades formativas do tecido empresarial e, por outra, ofrécense incentivos á contratación ás empresas impulsando a contratación indefinida ou inicial cunha duración mínima de 12 meses a xornada completa.

Con respecto ao Bono Formación, nos catro programas incentívase con 2.000 euros a cualificación das e dos traballadores que son contratados de xeito inicial por 12 meses para que  reciban unha formación mínima de 50 horas. Se o contrato é indefinido, o bono increméntase ata os 4.000 euros e a formación mínima terá que acadar as 70 horas.

En canto aos incentivos á contratación, as contías varían segundo o programa e poden alcanzar os 16.000 euros. Ademais, aumentan nun 25%, segundo a liña, para aquelas empresas de máis de 50 traballadores e traballadoras pertencentes a sectores estratéxicos que teñan unha taxa de estabilidade nos seus cadros de persoal do 70%, no caso de que o centro de traballo estea situado nun concello rural, ou se as persoas incorporadas son mulleres, maiores de 45 anos ou persoas emigrantes retornadas.

Catro liñas
Emprega Muller é a liña dotada cun maior orzamento dentro do Galicia Emprega, con 4,3 millóns de euros -un millón máis ca na pasada edición- para impulsar a formación e a contratación de 405 persoas. As axudas mínimas para os contratos indefinidos son de 12.000 euros.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria activará Emprega Persoas con Capacidades Diferentes ou en Risco de Exclusión Social con incentivos de 8.000 euros para a contratación inicial deste colectivo e de 16.000 euros para os contratos indefinidos. A previsión de beneficiarias e beneficiarios é de 185 persoas. O orzamento deste programa ascende a máis de 2,2 millóns de euros.

No caso de Emprega Parados de Longa Duración (2 M€), as axudas para a contratación de 12 meses suman como mínimo 5.000 euros, incrementándose ata os 10.000 euros se se trata dun contrato indefinido. O obxectivo é contratar 175 persoas.

En Emprega Xuventude (2 M€), as contías para os contratos dun ano de duración serán de 3.000 euros e acadarán o dobre (6.000 €) no caso de contratos indefinidos. Estímase un número de persoas beneficiarias de 365 menores de 30 anos.

Os incentivos á contratación constitúen un dos mecanismos da Administración autonómica para estimular a incorporación de novas persoas traballadoras aos cadros de persoal das empresas galegas. Galicia Emprega enmárcase dentro da Axenda 20, a folla de ruta que está impulsando na Comunidade o emprego estable e de calidade con medidas, como este programa, que favorecen o incremento das oportunidades laborais e a redución do desemprego. Desde o ano 2015, este tipo de medidas permitiron apoiar a contratación de máis de 7.300 traballadoras e traballadores destes catro colectivos prioritarios, cun investimento de 29,3 M€. 

794 lecturas