A Xunta impulsa a cualificación e contratación das e dos emigrantes retornados a través das unidades formativas para persoas desempregadas

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de resolver a quinta convocatoria de 401 unidades formativas en 38 empresas galegas para 6.000 persoas desempregadas cun orzamento de máis de 10 millóns de euros. 

As contías máximas dos contratos indefinidos outórganse para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego como son as e os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos e persoas emigrantes retornadas.

Desde a súa posta en marcha en 2018, a Xunta destinou a este programa, co que se financia o 100% das accións formativas, máis de 21,3 millóns de euros, o que permitiu o desenvolvemento de 845 cursos e formar a preto de 12.500 alumnas e alumnos.

A actuación enmárcase na Axenda 20 coa que a Xunta está impulsando o emprego estable e de calidade.

Imaxe do Consello da Xunta de Galicia desta semana
Imaxe do Consello da Xunta de Galicia desta semana
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2020.

O Goberno galego porá en marcha nas próximas semanas 401 unidades formativas en 38 empresas galegas para cualificar á carta a preto de 6.000 persoas desempregadas. A convocatoria deste programa supón un investimento de máis de 10 millóns de euros por parte da Consellería de Emprego e Igualdade, destacando que as contías para incentivar a contratación son maiores para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego como é o caso das e dos retornados galegos.  

Esta iniciativa, coa que se financia o 100% da formación, permitirá atender as demandas do tecido empresarial galego, xa que a Administración autonómica apoia unha formación adaptada e axustada ás súas necesidades. Este programa, o primeiro do Estado que ofreceu formación á carta dirixido ás empresas, permitiu desde a súa posta en marcha en 2018 a cualificación especializada de preto de 12.500 persoas desempregadas a través de 845 cursos e un investimento que supera os 21,3 millóns de euros.  Así, 5.000 alumnos e alumnas puideron obter un contrato de traballo ao finalizar a formación. 

As unidades formativas en empresas para desempregados e desempregadas inclúe por parte do tecido empresarial un compromiso de contratación de polo menos o 40% dos alumnos e alumnas que participen na medida.  Así, a Xunta apoiará ás compañías nas contratacións cando superen o compromiso fixado do 40%, é dicir, como mínimo, a 2.392 galegos e galegas. 

Os contratos indefinidos financiaranse con axudas de entre 7.000 e 16.000 euros. As contías máximas outórganse para os colectivos con especiais dificultades para atopar un emprego como son as e os parados de longa duración, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, mulleres, maiores de 45 anos e persoas emigrantes retornadas. Tamén se bonifica con máis apoio nas contratacións cando a empresa está emprazada no rural galego. 

A proposta das propias firmas deseñáronse 19 programas de formación á carta que foron aprobados polo Estado. Así, grazas á iniciativa da Xunta, haberá 19 novos itinerarios formativos axeitados ás necesidades produtivas que agora terán validez en toda España, que se suman aos 41 da anterior convocatoria. Deste xeito, esta iniciativa ten permitido a inclusión de 60 novas especialidades, a proposta do tecido empresarial galego, no catálogo formativo do Servizo Público de Emprego Estatal

Os principais sectores onde se impartirá formación á carta para desempregadas e desempregados son a automoción, con máis de 4.000 prazas; a industria alimentaria, con 630 prazas e os servizos socioculturais con 400 alumnas y alumnos. Entres as compañías onde se impartirán os cursos destacan PSA, Coren ou Frigoríficas del Louro. 

Xunto coas unidades formativas para persoas desempregadas, a Xunta tamén desenvolve un programa similar dirixido a traballadoras e traballadores. Nos dous casos ofrécese formación á carta, adaptada ás necesidades que require o mercado de traballo actual. As dúas iniciativas forman parte da Axenda 20 para o emprego, coa que a Xunta está impulsando unha inserción laboral de calidade.

1315 lecturas