A Xunta convoca axudas de ata 10.800 euros para facilitar aos mozos e mozas a compra dunha vivenda no marco do novo Pacto Social

O DOG publica unha orde de subvencións con 800.000 euros para adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por parte de xente nova.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliña que unha das prioridades da Xunta para os vindeiros cinco anos en materia residencial serán as medidas e incentivos dirixidas ás e aos menores de 35 anos.

Ao abeiro da convocatoria deste programa en 2020, concedéronse 120 axudas.

A responsable autonómica reuniuse con representantes dos colexios de axentes inmobiliarios e de administradores de fincas no marco das reunións para o seguimento do Pacto Social pola Vivenda subscrito o pasado 20 de xaneiro.

  • O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 1 de setembro
    O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o 1 de setembro
  • A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliña que unha das prioridades da Xunta para os vindeiros cinco anos en materia residencial serán as medidas e incentivos dirixidas ás e aos menores de 35 anos
    A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliña que unha das prioridades da Xunta para os vindeiros cinco anos en materia residencial serán as medidas e incentivos dirixidas ás e aos menores de 35 anos
  • A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliña que unha das prioridades da Xunta para os vindeiros cinco anos en materia residencial serán as medidas e incentivos dirixidas ás e aos menores de 35 anos
    A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliña que unha das prioridades da Xunta para os vindeiros cinco anos en materia residencial serán as medidas e incentivos dirixidas ás e aos menores de 35 anos
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2021.

A Xunta de Galicia empeza a convocar as primeiras axudas enmarcadas no Pacto Social pola Vivenda 2021-2025 presentado oficialmente o pasado 20 de xaneiro. O DOG publica a Orde de subvencións para adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes dirixida a menores de 35 anos, unha liña de axudas que contará en 2021 cun orzamento inicial de 800.000 euros e que forma parte do medio cento de accións en materia residencial coas que o Goberno galego aspira a axudar a 70.000 familias nos vindeiros cinco anos.

Este foi un dos asuntos que abordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, con representantes do Colexio Oficial de Administradores de Fincas e do Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria, convocadas e convocados a unha reunión telemática de seguimento do Pacto Social pola Vivenda subscrito tamén por ambas entidades.

Durante o encontro, a responsable autonómica explicou que estas axudas convocadas enmárcanse nas liñas estratéxicas do devandito pacto, que combina iniciativas novidosas no eido residencial con outras xa implantadas e de eficacia acreditada. Este é o caso do programa dirixido á mocidade para a adquisición de vivendas en concellos pequenos, que desde a súa posta en marcha en 2018 esgotou todos os anos o crédito dispoñible.

Como proba deste éxito, Vázquez Mejuto lembrou que só a través da convocatoria do ano pasado o IGVS axudou a 120 galegas e galegos de menos de 35 anos na compra da súa vivenda habitual, unha cifra á que hai que sumar as 221 subvencións concedidas ao abeiro das dúas ordes anteriores. “En total son xa máis de 340 os mozos e mozas galegos que desde 2018 puideron ter este apoio económico da Xunta para formar o seu fogar”, explicou.

No caso da convocatoria de 2021, engadiu que está dotada con 800.000 euros, aínda que esta contía poderá ser ampliada. O prazo para a presentación de solicitudes abriuse o 3 de febreiro e prolongarase ata o próximo 1 de setembro. En canto aos requisitos, a vivenda terá que estar xa construída (sexa nova ou usada) e situarse nun dos 215 concellos con menos de 5.000 habitantes que hai en Galicia. Ademais, o prezo de venda non poderá superar os 100.000 euros e o importe máximo da axuda será de 10.800 euros.

Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou a importancia desta nova convocatoria de axudas para facilitar o acceso á súa primeira vivenda en propiedade á xente nova, ao tempo que se contribúe ao asentamento da mocidade en concellos menos poboados e de áreas rurais.

Este é, precisamente, un dos obxectivos do Pacto Social pola Vivenda promovido pola Xunta e asinado por un total de 10 entidades e colectivos representativos do sector en Galicia para mobilizar máis de 1.080 millóns de euros entre fondos públicos e privados a través de case 50 medidas e accións estratéxicas nos vindeiros cinco anos.

Concretamente e co fin de facer máis accesible a vivenda, daráselle un novo pulo á adquisición de vivendas protexidas con axudas de ata 20.000 euros. En canto ao alugueiro, lanzarase a modalidade de arrendamento con opción de compra para os menores de 35 anos, reformarase o programa de vivendas baleiras con axudas de ata 8.000 euros para os propietarios e propietarias, e estableceranse novos instrumentos de colaboración entre a Xunta e as entidades sociais para paliar a exclusión residencial dos colectivos máis vulnerables.

En materia de rehabilitación e rexeneración dos espazos urbanos, seguirase apostando pola recuperación de inmobles xa construídos, sobre todo en núcleos rurais e concellos con saldo demográfico negativo, para os que tamén se porá en marcha un programa para facilitar aos concellos a dinamización e posta no mercado dos seus núcleos en estado de abandono.

Así mesmo, no relativo á estratexia para mobilizar máis solo residencial, primaranse aquelas ofertas para construír vivendas de protección autonómica, destinadas ás persoas e colectivos con maiores dificultades.

Novo programa de vivendas baleiras
Precisamente, os responsables autonómicos en materia de vivenda aproveitaron a xuntanza para abordar coas e cos axentes inmobiliarios e os administradores de fincas o futuro programa para a mobilización de vivendas baleiras no que traballa xa o IGVS co obxectivo de que estea operativo este ano e para o que aspira a contar coa colaboración de ambos colectivos.

Días despois de que a conselleira avanzara no Parlamento as liñas básicas do novo programa, trasladáronlles que ante a inseguridade provocada polas sucesivas modificacións na normativa estatal introducidas polo Goberno, a Xunta pretende ofrecer garantías xurídicas ás e aos propietarios que se adhiran a esta iniciativa, garantindo o cobro do alugueiro e poñendo á súa disposición axudas de ata 8.000 euros para rehabilitar ou mellorar as súas vivendas.

Para facilitar a incorporación de inmobles baleiros ao programa alí onde máis demanda de vivenda en alugueiro se rexistra, o Executivo galego quere contar coa axuda das e dos axentes da propiedade inmobiliaria e dos administradores de fincas, ademais dos propios concellos.

1059 lecturas