A Xunta convoca as axudas ao alugueiro de vivendas ás que o Goberno galego destina este ano preto de 15 millóns de euros

Coa publicación onte no Diario Oficial de Galicia ábrese a convocatoria para 2018, podendo as persoas interesadas presentar xa desde hoxe e ata o vindeiro 30 de xullo as solicitudes.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda avanza os trámites para a concesión das axudas, en tanto o Ministerio de Fomento non formaliza a sinatura do convenio coa Xunta do Plan estatal de vivenda.

O prazo de solicitude péchase o 30 de xullo
O prazo de solicitude péchase o 30 de xullo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2018.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda convoca as axudas ao alugueiro de vivendas ás que o Goberno galego destina este ano preto de 15 millóns de euros.

Coa publicación onte no Diario Oficial de Galicia das bases que rexen a convocatoria para o 2018, as persoas interesadas poden presentar as solicitudes para as axudas ao alugueiro de vivendas do plan de vivenda 2018-2021 xa desde hoxe, día 29 de xuño, e ata o próximo 30 de xullo.

Sinalar que a convocatoria destas axudas foi aprobada polo Consello da Xunta da pasada semana, avanzando nos trámites para a concesión das axudas en tanto o Ministerio de Fomento non formaliza a sinatura do convenio coa Xunta do Plan estatal de vivenda.

Poderán solicitar estas axudas todas as persoas que conten con ingresos entre 0,7 e 2,5 veces o Iprem, inda que no caso de familias numerosas ou persoas con determinadas discapacidades ese límite incrementase ata 4 ou 5 veces o Iprem, en función da categoría da familia e do grado da discapacidade. Ademais, a vivenda alugada deberá constituír a residencia habitual e permanente.

As axudas concederanse por un prazo de tres anos, aínda que será preciso solicitar a prórroga e acreditar o cumprimento dos requisitos nos segundo e terceiro anos.

No seguinte enlace ao DOG: https://bit.ly/2yPyxvJ poden consultarse as bases polas que se rexerán e a convocatoria para 2018.

Preto de 15 millóns de euros
A Xunta de Galicia destinará un total de 14,8 millóns de euros a axudas para o pago destas axudas, que se inclúen no Plan de Vivenda 2018-2021 e se distribúen en catro anualidades, ao concederse por un prazo de tres anos.

A convocatoria de axudas ao alugamento de 2018 inclúe dúas modalidades, unha dirixida con carácter xeral a toda a poboación que cumpra os requisitos establecidos e outra específica para menores de 35 anos:

  • Liña A, axuda ao alugamento de vivenda: a súa finalidade é facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas. 
  • Liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: a súa finalidade é facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas menores de 35 anos con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

É requisito imprescindible que a vivenda alugada constitúa o domicilio habitual e permanente dos beneficiarios e beneficiarias das axudas durante todo o período de concesión das mesmas.

Axudas
A contía da axuda para a Liña A será do 40 por cento da renda mensual, excepto para as persoas que na data de presentación da solicitude teñan máis de 65 anos, en cuxo caso a axuda será do 50 por cento da renda mensual.

No caso das axudas á mocidade (Liña B) o importe da mesma será do 50 por cento da renda mensual que se deba satisfacer polo alugamento.

Nos dous casos as axudas concederanse por un prazo de tres anos, pero para poder desfrutar da mesma no segundo e terceiro ano as axudas deberán renovarse anualmente, no prazo que se sinale na resolución de concesión da axuda inicial ou da primeira renovación. Para a renovación da axuda será necesario continuar cumprindo os requisitos.

As axudas terán carácter retroactivo dende o 1 de xaneiro de 2018 para as e os solicitantes que presenten un contrato desa data ou anterior. Para contratos posteriores a axuda concederase desde a data de efectos económicos do mesmo.

Requisitos dos beneficiarios e beneficiarias
As e os solicitantes das axudas ao alugamento deberán acreditar que os ingresos das persoas que compoñen a unidade de convivencia están comprendidos no intervalo entre 0,7 e 2,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), coas seguintes excepcións:

  • Familias numerosas de categoría xeral ou persoas con determinadas discapacidade establecidas na Orde. Nestes casos o límite máximo de ingresos será de catro veces o IPREM.
  • Familias numerosas de categoría especial ou persoas con discapacidade dalgún dos tipos indicados na Orde. O límite máximo de ingresos será de cinco veces o IPREM.

Ademais, ningún das persoas integrantes da unidade de convivencia poderá ser propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda en España nin ter relación de parentesco coa persoa arrendadora da vivenda ou ser socia do mesma. Tampouco poderán acceder a estas axudas os inquilinos e inquilinas de vivendas xestionadas polo IGVS, que xa reciben axudas directas en forma de redución da renda mensual das súas vivendas.

Requisitos das vivendas alugadas
Para acceder a estas axudas o importe do alugueiro que pagan as e os beneficiarios das mesmas non poderán superar os seguintes máximos:


Zona Territorial
Importe da renda mensual de alugamento
Concellos
Prezo máximo superior 500€ A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra
Zona territorial 1 400€

Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.

Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, e Viveiro.

Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.


Zona territorial 2
300€ O resto de concellos de Galicia

 

1088 lecturas