A Xunta contará cunha nova sede da delegación en Bos Aires para reforzar os lazos coa colectividade e proxectar as oportunidades da Galicia actual
O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre a adquisición do inmoble, unha actuación estratéxica que permitirá reforzar a atención á colectividade galega e intensificar a promoción económica, cultural e turística de Galicia.
O novo espazo, situado nunha das principais arterias da capital arxentina, conta con 730 m² distribuídos en tres alturas e foi adquirido por un importe equivalente aos 1,2 M€; está previsto que as obras de acondicionamento rematen a finais de ano.
Entre outras novidades, integrará unha oficina de retorno e atracción de talento, ao abeiro dos obxectivos da Estratexia Galicia Retorna, para reforzar o acompañamento ás galegas e aos galegos do exterior interesados en regresar á Comunidade.
Tamén incorporará unha oficina do Instituto Galego de Promoción Económica para reforzar o apoio ás empresas galegas e actuará como punto de promoción de Galicia como destino internacional, co foco no Camiño de Santiago e no Xacobeo 2027.
A actuación enmárcase no compromiso da Xunta coa colectividade galega no exterior, especialmente na Arxentina, onde Bos Aires é considerada tradicionalmente a quinta provincia galega pola súa estreita vinculación histórica e social con Galicia.
O Consello da Xunta analizou hoxe un informe sobre a adquisición do inmoble que albergará a nova sede da delegación da Xunta en Bos Aires, que substituirá a actual oficina situada en Bartolomé Mitre. Trátase dun proxecto estratéxico con que o Goberno galego busca reforzar a súa presenza institucional na Arxentina e seguir estreitando os vínculos cos preto de 200.000 galegos e galegas residentes no país, a colectividade galega máis numerosa do exterior. A nova sede permitirá, ademais, fortalecer a atención á cidadanía galega, potenciar as políticas de retorno e captación de talento e intensificar a promoción económica, cultural e turística da Comunidade nun dos principais escenarios da diáspora.
O inmoble, situado na avenida Belgrano 990, esquina con Bernardo de Irigoyen —nunha das principais arterias da capital arxentina e plenamente comunicado— foi adquirido por un importe de 1,4 millóns de dólares (equivalente a arredor de 1,2 millóns de euros). As instalacións atópanse en perfecto estado de conservación e contan cunha superficie de 730 m² distribuídos entre planta baixa, susbsolo e primeiro piso; está previsto que o acondicionamento remate no último trimestre do ano.
A súa localización estratéxica permitirá ampliar de xeito significativo a capacidade de servizo á cidadanía e reforzar a visibilidade institucional de Galicia. O futuro espazo, ademais das funcións propias dunha oficina administrativa, disporá de salas polivalentes para a realización de conferencias, presentacións, exposicións, actividades culturais, encontros institucionais e reunións empresariais, e consolídase como un punto de encontro para a colectividade e como escaparate do potencial económico e cultural da Galicia actual.
Neste marco, integrarase unha oficina de retorno e atracción de talento, ao abeiro da Estratexia Galicia Retorna, así como unha oficina de promoción económica a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) reforzando a internacionalización das empresas galegas e o apoio ás que xa están asentadas no país. Así mesmo, reforzarase a promoción de Galicia como destino turístico internacional, con especial atención á difusión do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2027.
A actuación enmárcase no compromiso da Xunta coa comunidade galega do exterior, con especial atención á Arxentina, país cunha relación histórica e social estreita con Galicia a través da emigración e onde a cidade de Bos Aires é considerada tradicionalmente a “quinta provincia galega” pola súa ampla comunidade emigrante. A nova infraestrutura suporá, ademais, unha mellora na capacidade operativa da estrutura autonómica no exterior, ao reforzar os recursos destinados á atención á cidadanía e o desenvolvemento das políticas autonómicas fóra de Galicia.
Estratexia Galicia Retorna
Neste contexto de reforzo dos vínculos coa diáspora, a Xunta continúa avanzando no desenvolvemento da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, dotada con 450 M€ e integrada por máis dun cento de medidas orientadas a facilitar o regreso e a integración social e laboral das galegas e dos galegos do exterior. Trátase dun instrumento clave para ofrecer novas oportunidades a quen desexe volver e contribuír ao fortalecemento demográfico, económico e social de Galicia.
Entre as actuacións impulsadas ao abeiro desta planificación figuran as recentes feiras de emprego realizadas en São Paulo e Salvador de Bahía —tras as organizadas en 2025 na Arxentina e no Uruguai—, que contribúen a reforzar o modelo propio de atracción de talento impulsado pola Xunta de Galicia, baseado nunha migración ordenada, segura e vinculada ás necesidades reais das empresas galegas. Nelas déronse a coñecer, entre outras ferramentas, as posibilidades do programa Retorna Cualifica Emprego, cunha nova edición en marcha dotada con 2,3 M€, ademais de actividades, charlas e obradoiros prácticos impartidos por persoal de distintos departamentos da Xunta. Cómpre salientar que, desde o inicio da primeira Estratexia Galicia Retorna en 2018 e ata 2024, xa regresaron a Galicia preto de 50.000 galegos e galegas, o que consolida o retorno como un fenómeno estrutural.
Novas relacionadas




