As e os emigrantes retornados autónomos poden solicitar ata o 30 de setembro as axudas para apoiar o inicio de actividade e a contratación indefinida de traballadoras e traballadores

Para o impulso ao emprego autónomo adícanse 11,2 millóns de euros con axudas máximas de ata 10.000 euros para facilitar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Os incentivos á contratación indefinida do primeiro, segundo ou terceiro traballador ou traballadora, cun orzamento dun millón de euros, inclúen un bono contratación de ata un máximo de 22.500 euros e un bono formación de 4.000 euros.

A este financiamento súmanse os máis de 587 M€ que a Xunta puxo a disposición de autónomas e autónomos e empresas en tempo récord para axudarlles a manter a súa actividade económica fronte á pandemia a través dos plans de rescate e outras axudas directas.

As contías destas axudas poden incrementarse nun 25% no caso do que as beneficiarias ou beneficiarios sexan emigrantes retornados
As contías destas axudas poden incrementarse nun 25% no caso do que as beneficiarias ou beneficiarios sexan emigrantes retornados
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2021.

As persoas autónomas interesadas en fornecer ou impulsar o crecemento da súa empresa terán ata o 30 de setembro para solicitar as axudas destinadas a impulsar o emprego autónomo e apoiar a consolidación do xa existente, que contan cun orzamento de 12,2 millóns de euros. Trátase dun programa que acolle dúas liñas de financiamento. A previsión do Goberno galego é poder beneficiar a 3.000 autónomas e autónomos e 90 empresas a través desta iniciativa.

Por unha banda, co obxectivo de facilitar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais, invístense 11,2 millóns de euros. Esta liña de financiamento establece incentivos de 2.000 euros para apoiar o inicio da actividade das e dos autónomos, duplicándose a contía ata os 4.000 euros para as e os menores de 30 anos, as persoas paradas de longa duración e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. As contías poden incrementarse nun 25% no caso do que as e os beneficiarios sexan mulleres, persoas emigrantes retornadas, persoas maiores de 45 anos ou no caso de que a empresa estea emprazada nun concello rural, entre outros supostos. Así, as axudas máximas poden alcanzar os 10.000 euros.

Poden optar a estas axudas as persoas dadas de alta no Reta, noutro réxime especial por conta propia ou en mutualidades profesionais entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021. É preciso ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude da axuda e que se desenvolva en Galicia, entre outros requisitos.

Inclúense, asemade, axudas para que as e os autónomos poidan contratar de xeito indefinido a persoal traballador. Así, para a primeira persoa contratada indefinida, as axudas van desde os 4.000 euros aos 6.500 nos casos de paradas e parados de longa duración e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Para incorporar á segunda e terceira persoa traballadora indefinida, a axuda irá desde os 6.500 euros ata os 9.000 euros. Estes apoios poden incrementarse nun 25% nos mesmos supostos que no programa de impulso ao emprego autónomo. Estas axudas poden alcanzar os 22.500 euros e, ademais, ponse en marcha por segundo ano o bono formación, que inclúe 4.000 euros por persoa contratada, sendo compatible co bono contratación.

Este programa súmase aos máis de 587M€ que a Xunta puxo a disposición de autónomas e autónomos e empresas en tempo récord para axudarlles a manter a súa actividade económica fronte á pandemia a través dos plans de rescate e axudas directas.

Outras liñas de axudas que a Xunta convocou este ano dirixidas ás persoas traballadoras por conta propia son o Bono Autónomo para a mellora do rendemento empresarial e profesional das e dos autónomos cunha antigüidade superior aos 42 meses; os incentivos á consolidación de pequenas empresas de nova creación; e as axudas ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, así como os apoios ás asociacións de autónomas e autónomos.

470 lecturas