A Xunta celebra a decisión da RAG e prepara xa a homenaxe que Galicia lle renderá o vindeiro ano a Xosé Filgueira Valverde co gallo do Día das Letras 2015

A Consellería de Cultura e Educación salienta o ímprobo labor de Filgueira no seo das principais institucións culturais, así como o seu traballo en prol do desenvolvemento de Galicia.

Xosé Filgueira Valverde. Foto: Real Academia Galega
Xosé Filgueira Valverde. Foto: Real Academia Galega
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2014.

A Xunta de Galicia congratúlase pola decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día das Letras 2015 a unha das figuras máis destacadas da cultura de nós durante o século XX, o polígrafo pontevedrés Xosé Filgueira Valverde, e traballa xa na homenaxe que en Galicia se lle vai render ao autor o vindeiro ano.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere ademais salientar o labor de Filgueira Valverde como promotor e participe de moitas das máis destacadas institucións culturais da nosa terra −nomeadamente, o Seminario de Estudos Galegos, o Museo de Pontevedra, o Instituto Pai Sarmiento de Estudios Galegos e o Consello da Cultura Galega−, e como protagonista do desenvolvemento social de Galicia.

Nado en Pontevedra o 28 de outubro de 1906 e finado en Santiago de Compostela o 13 de setembro de 1996, Xosé Filgueira representa un cumio intelectual e é un dos meirandes divulgadores culturais que teña dado Galicia. Numerario da Real Academia Galega e da Real Academia de la Historia, a súa produción científica supera as 2.100 publicacións e interveu en máis de 4.500 charlas ou conferencias.

Cómpre destacar tamén a súa faceta literaria e compiladora na que se poden resaltar obras como o libro de relatos Os nenos; o texto teatral Agromar. Farsa pra rapaces; as antoloxías Cancioneiriño de Compostela e Cancioneiriño novo de Compostela, en que recolle composicións que fan referencia á capital galega e o volume de prosas Quintana viva.

 

Foto: Real Academia Galega

En imaxes
543 lecturas