A Xunta busca oportunidades de negocio para as empresas galegas en Porto Suape, a locomotora industrial de Pernambuco

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, visitou o complexo portuario e abordou co director das instalacións, Silvio Leiming, as posibilidades de negocio e cooperación para compañías galegas.

Analizaron as posibilidades de alianza empresarial en diferentes sectores, entre eles o naval, ao abeiro do protocolo de colaboración que se prevé impulsar co Estado de Pernambuco.

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, visitou esta mañá o complexo portuario e industrial Porto Suape, onde foi recibido polo director global das instalacións, Silvio Leiming, e pola responsable da Secretaría de Desenvolvimento Económico do Estado de Pernambuco, Camila Lópes
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, visitou esta mañá o complexo portuario e industrial Porto Suape, onde foi recibido polo director global das instalacións, Silvio Leiming, e pola responsable da Secretaría de Desenvolvimento Económico do Estado de Pernambuco, Camila Lópes
Listen to this page using ReadSpeaker
Recife (Brasil), 4 de setembro de 2014.

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, visitou esta mañá o complexo portuario e industrial Porto Suape, onde foi recibido polo director global das instalacións, Silvio Leiming, e pola responsable da Secretaría de Desenvolvimento Económico do Estado de Pernambuco, Camila Lópes, con quen intercambiou información sobre as posibilidades de negocio e alianza que as empresas galegas poden atopar neste importante enclave loxístico.

Acompañado polo director de Internacionalización do Igape, Abel Veiga, Javier Aguilera percorreu as instalacións e participou na reunión de traballo onde se analizaron tanto as posibilidades actuais como as futuras deste dinámico polo industrial. No encontro abordáronse ás oportunidades de cooperación de estaleiros e empresas do naval galegos e brasileiros, ao abeiro do protocolo de colaboración que a Xunta prevé impulsar co Estado de Pernambuco.

O complexo industrial de Porto Suape é a locomotora do desenvolvemento industrial do Estado de Pernambuco e xa constitúe un dos polos máis dinámicos do Brasil. O espazo industrial acolle empresas de sectores como produtos químicos, metal mecánica, naval, enerxías renovables ou alimentación. No encontro de hoxe, abordáronse tamén as posibilidades de colaboración no eido da loxística, tendo en conta as rutas de tráfico marítimo internacional e a situación estratéxica de Galicia como porta de entrada de mercadorías en Europa.

Actualmente operan en Porto Suape máis de 100 empresas que empregan de forma directa a máis de 25.000 traballadores e traballadoras, mentres que outras 50 empresas están en diferentes fases de incorporación a esta zona portuaria, conectada con máis de 160 portos de todo o mundo e con liñas loxísticas directas con Europa, América do Norte e África.

A visita desta mañá a Porto Suape abre os encontros de carácter empresarial protagonizados polo director do Igape no estado de Pernambuco, logo das reunións e acordos celebrados en Río de Xaneiro. Javier Aguilera visitará tamén o Porto Digital, en Recife, e impulsará un acordo de cooperación coa Axencia de desenvolvemento do estado de Pernambuco, AD DIPER.

829 lecturas