A Xunta busca incrementar as relacións empresariais entre Galicia e Brasil mediante un protocolo de colaboración co Estado de Rio de Janeiro

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, impulsou un acordo co Goberno do Estado de Rio de Janeiro para dinamizar as relacións comerciais, e mantivo hoxe un encontro con empresariado de orixe galega asentado neste mercado.

Un total de 288 empresas galegas exportaron o pasado ano a Brasil, un 17% máis que no exercicio anterior, e Aguilera salienta a misión comercial en marcha como chave para incrementar a presenza galega no país sudamericano.

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, e o secretario de Estado da Casa Civil do Goberno de Río de Xaneiro, Leonardo Espíndola
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, e o secretario de Estado da Casa Civil do Goberno de Río de Xaneiro, Leonardo Espíndola
Listen to this page using ReadSpeaker
Río de Xaneiro, 2 de setembro de 2014.

O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, e o secretario de Estado da Casa Civil do Goberno de Río de Janeiro, Leonardo Espíndola, acordaron hoxe impulsar un protocolo de colaboración destinado a estimular e incrementar as relacións empresariais entre Galicia e esta rexión do Brasil.

En concreto, o acordo apunta que os gobernos de Río de Xaneiro e de Galicia comprométense a colaborar, conxuntamente co Goberno federal e coas seccións económicas e comerciais das embaixadas e consulados españois e brasileiros, nas accións orientadas a dinamizar as relacións económicas e empresariais entre ambas partes. Con este obxectivo, se elaborará un plan de traballo anual composto por iniciativas para o fomento dos negocios entre as dúas rexións.

Acompañado polo director de Internacionalización do Igape, Abel Veiga, Javier Aguilera Navarro comezou desta maneira unha misión comercial a Brasil que ten como obxectivo consolidar as relacións comerciais existentes e explorar novas oportunidades para as empresas galegas no país sudamericano.

“Brasil é un inmenso mercado que ten importancia estratéxica, tanto para Galicia como para as empresas galegas con ambición de internacionalizarse”, defendeu Aguilera, que resaltou como os obxectivos da misión comercial a consolidación das relacións xa existentes entre ambos mercados e a localización de novas oportunidades de alianza empresarial, metas ás que precisamente responde o acordo asinado hoxe no Estado de Río de Xaneiro.

Co encontro de hoxe, resaltou, e “coas reunións e acordos de colaboración que estamos a concretar nestes días, confiamos en incrementar tanto o volume das exportacións galegas a este país como o número de empresas que exportan a Brasil, que o ano pasado creceu nun 17%” ata acadar un total de un total de 288 compañías.

Neste sentido, o director xeral do Igape mantivo tamén hoxe un encontro de traballo con empresariado da Asociación de Empresarios de Galicia en Río (AEGAL), coa que a Xunta de Galicia está a desenvolver un convenio de colaboración para alentar a súa participación na captación de investimentos cara a Galicia e para cooperar na procura de clientes e distribuidores para as empresas galegas en Brasil.

Durante a xornada de mañá, mércores, o director do Igape prevé manter encontros con membros da Federación de Industrias de Río de Janeiro (FIRJAN) e do Sindicato Nacional da Construción e reparación naval (Sinaval).

920 lecturas