A Xunta aproba o decreto polo que se deixa sen efecto a convocatoria electoral prevista para o vindeiro 5 de abril, despois dun acordo entre todos os partidos representativos da Comunidade

O decreto, que deixa sentadas as bases da futura convocatoria das eleccións ao Parlamento de Galicia, foi aprobado despois de coñecerse o ditame da Xunta Electoral.

En canto se levanten os estados de alarma e de emerxencia sanitaria, procederase a convocar desde cero as eleccións autonómicas, coa particularidade de que serán oídos os partidos políticos antes de que o presidente da Xunta decida a data exacta.

Imaxe do Consello da Xunta celebrado en Santiago de Compostela
Imaxe do Consello da Xunta celebrado en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2020.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu esta mañá, tamén, a reunión do Consello da Xunta para aprobar o decreto polo que se deixa sen efecto a convocatoria electoral prevista para o vindeiro 5 de abril, despois dun acordo entre todos os partidos representativos da Comunidade.

“En apenas unhas horas de diálogo fomos quen de chegar a un consenso que, hoxe, quedou referendado no decreto aprobado polo Consello”, confirmou, avanzando que será publicado hoxe no DOG e remitido ao BOE.

Así mesmo, explicou que este decreto, que deixa sentadas as bases da futura convocatoria das eleccións ao Parlamento de Galicia, foi aprobado despois de coñecer o ditame da Xunta Electoral.

Sobre este punto, trasladou que a Xunta Electoral referendou a decisión tomada cunhas conclusións “moi claras”: que a repetición íntegra do proceso é a mellor solución para garantir que se poidan dar as condicións axeitadas para unha nova celebración dos comicios. Que a decisión de que as eleccións autonómicas non se celebren corresponde ao presidente da Xunta, dados os estados de alarma e de emerxencia sanitaria. E que a Deputación permanente do Parlamento non é imprescindible para o desenvolvemento deste procedemento en concreto.

Deste xeito, en canto se levanten os estados de alarma e de emerxencia sanitaria, procederase a convocar desde cero as eleccións autonómicas, coa particularidade de que serán oídos os partidos políticos antes de que o presidente da Xunta decida a data exacta.

En imaxes
302 lecturas