Intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión extraordinaria do Consello da Xunta, na que anuncia a convocatoria das eleccións ao Parlamento de Galicia para o vindeiro 12 de xullo

  • Reunión extraordinaria do Consello da Xunta de Galicia
    Reunión extraordinaria do Consello da Xunta de Galicia
  • Reunión extraordinaria do Consello da Xunta de Galicia
    Reunión extraordinaria do Consello da Xunta de Galicia
  • Reunión extraordinaria do Consello da Xunta de Galicia
    Reunión extraordinaria do Consello da Xunta de Galicia
  • Reunión extraordinaria do Consello da Xunta de Galicia
    Reunión extraordinaria do Consello da Xunta de Galicia
  • Reunión extraordinaria do Consello da Xunta de Galicia
    Reunión extraordinaria do Consello da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2020.

Bos días, grazas pola súa atención. Antes de nada, dou conta da situación actual do coronavirus e o seu impacto sanitario na Comunidade.

A día de hoxe temos 93 persoas hospitalizadas con Covid, un 1,06% menos que hai 24 horas; outras 17 están na UCI, un 5,5% menos que hai 24 horas; 1.061 están sendo atendidas nos seus domicilios, un 2,45% menos que hai 24 horas; e 607 persoas faleceron a causa da enfermidade, un falecido máis que hai 24 horas.

Son datos que demostran que Galicia se atopa, desde o punto de vista da situación nacional e desde o punto de vista da situación dos países da Unión Europea, nunha situación sólida para abordar a reactivación social, laboral e económica que pretendemos.

Os estudos epidemiolóxicos demostran que o virus apenas circulou na Comunidade. Tanto o estudo epidemiolóxico feito polo Sergas para o Goberno central como o propio estudo epidemiolóxico para a Xunta acreditan que o 98% dos galegos non tivo contacto co virus e, en consecuencia, estamos ante unha situación moi limpa desde o punto de vista de circulación interna deste virus, con independencia de que isto teña aspectos positivos pero tamén preocupantes.

A evolución da pandemia sitúanos nunha clara fase de control. Para que se fagan unha idea a ocupación das UCI e dos hospitais por pacientes Covid baixou máis dun 90% desde o pico máximo. De 178 UCI ocupadas pasamos a 17 e, de 946 persoas hospitalizadas, a 93. E a media de novos positivos por PCR na última semana é de 9 casos diarios, baixando dos 460 casos diarios que tivemos durante o pico da pandemia.

O número de concellos con cero casos de transmisión comunitaria nos últimos tres días é de 306: 289 con 7 días sen casos; 252 con 14 días sen casos; e 194 con 28 días sen ningún caso de contaxio.

Vimos agora de celebrar un Consello da Xunta Extraordinario no que abordamos as eleccións autonómicas que estaban pendentes desde o 5 de abril, data inicialmente prevista e que tivo que suspenderse como consecuencia da pandemia.

De acordo co vixente Estado de alarma aprobado polo Congreso dos Deputados, que habilita expresamente a convocatoria de eleccións autonómicas e que tivo o voto favorable de PSOE, Podemos e Ciudadanos e as abstencións de Partido Popular e BNG...

De acordo co decreto de suspensión que comprometía a convocatoria de novas eleccións no prazo máis breve posible...

De acordo coa previsión do Goberno central de que nun mes se poderían ter superadas todas as fases de desescalada no conxunto da nación española...

De acordo cos informes dos diferentes expertos consultados que coinciden en que hai menores incertezas e posibles riscos celebrándose no inicio do verán que despois de pasar todo o verán e ás portas do outono...

E unha vez escoitada a opinión dos partidos políticos...

O Consello da Xunta acaba de dar o visto e prace ao decreto para a celebración das eleccións autonómicas o próximo 12 de xullo.

Como saben, o 25 de setembro cómprense catro anos da celebración das últimas eleccións autonómicas e isto obriga a fixar unha data antes de que rematen os catro anos de mandato parlamentario.

A data inicial prevista era o 5 de abril pero, por cautelas sanitarias e por razóns de saúde pública, suspendemos as eleccións xa convocadas. E teño que agradecer que, finalmente, todos os partidos políticos estivesen de acordo coa suspensión electoral.

Unha vez superado o pico desta pandemia e acreditado que a circulación do virus, de momento, é baixa segundo os estudos do Goberno da Xunta –moi especialmente dos responsables epidemiolóxicos e de saúde pública da administración sanitaria–; e coa necesidade de convocar as eleccións antes de que remate formalmente a lexislatura que se esgota despois do verán...

Fixen unha consulta a diferentes expertos sanitarios e tamén ao letrado xefe da Asesoría Xurídica e ao seu equipo para que nos indicasen cal eran as súas recomendacións sanitarias e legais para atopar o domingo con menos incertezas para celebrar as eleccións autonómicas.

Estes informes foron trasladados aos partidos políticos para que puideran coñecelos e dar a súa opinión dun xeito máis formado, posto que me comprometín a escoitala para, no menor prazo posible, convocar as eleccións, como así reza e obriga o decreto de suspensión das eleccións do pasado 5 de abril.

A Asesoría Xurídica avala e recomenda que as eleccións se celebren canto antes. Os expertos sanitarios están de acordo en que é máis seguro celebrar as eleccións ao inicio do verán que despois de recibir a visita de miles de turistas doutras comunidades durante os meses de xullo, agosto e setembro. O ano pasado recibimos durante estes meses a visita de máis de 1,7 millóns de turistas.

E no ámbito dos partidos, Partido Popular, En Marea e Ciudadanos estiveron de acordo coa opinión dos expertos e consideran que celebrar as eleccións no mes de xullo é un bo momento se sanitariamente están garantidas. Pola contra, PSdeG, Podemos e BNG amosaron o seu rexeitamento a esta data.

Os expertos consultados foron:

No ámbito sanitario:

  • Os responsables da área de Saúde Pública da Xunta de Galicia.
  • O presidente da Sociedade Galega de Medicina Intensiva.
  • O presidente da Sociedade de Urxencias e Emerxencias de Galicia.
  • E o xefe de enfermidades infecciosas do CHUAC.

E no ámbito legal:

  • O informe está asinado polo letrado xefe da Asesoría Xurídica da Xunta.

Todos os expertos sanitarios e legais coinciden en que o máis prudente é celebrar as eleccións canto antes, posto que deixar pasar o tempo aumenta as incertezas e a inseguridade sanitaria e xurídica.

A partir de todas estas opinións correspóndeme tomar unha decisión como Presidente, que é a que lles acabo de trasladar.

Teño que elixir entre o que me recomendan por escrito os expertos sanitarios e legais ou o rexeitamento destas opinións por parte dalgúns partidos da oposición e, nunha situación como a que estamos a vivir, entendo que o máis prudente é seguir as recomendacións dos expertos sanitarios e legais.

Por iso a data é o 12 de xullo: a primeira data que permite o prazo obrigado de 54 días de antelación cos que se teñen que convocar as eleccións ao Parlamento de Galicia.

A celebración de eleccións neste contexto, podo asegurarlles, resúltame tan inoportuna como a quen máis, pero a lexislatura remata e a miña obriga é que Galicia teña un presidente lexítimo, lexítimo para que sexa elixido durante o período do mandato que vence, inevitablemente, a partir do 26 de abril. A miña obriga é que Galicia teña un parlamento en plenas funcións, plenamente operativo e decidido de forma incontestable; un parlamento, en definitiva, que sexa a decisión de cada un dos galegos con dereito a voto.

Pensamos que este parlamento ten un plantexamento por diante titánico, como é buscar o goberno axeitado para que este, á súa vez, atope as propostas máis eficaces para que Galicia sufra con menor intensidade a pandemia económica e social que, todo parece indicar, imos vivir a finais deste ano –e xa moitas familias neste momento– e tamén o vindeiro ano.

O virus, lamentablemente, aínda segue existindo. Existe agora e seguirá existindo durante meses. En definitiva, probablemente este virus seguirá existindo ata que a comunidade científica internacional descubra unha vacina eficaz.

E as eleccións terán lugar nunha data que, entendemos, ten máis certezas que outras hipóteses, de acordo coa recomendación dos expertos sanitarios e xurídicos: o 12 de xullo.

Esta data coincide, moi probablemente e por quinta vez, coa data das eleccións autonómicas vascas, que tamén foi fundamentada nos mesmos motivos pero que si tivo apoio, por exemplo, do PSOE en Euskadi, cousa que, lamentablemente, en Galicia non obtivemos.

Esta data, ademais, permitirá ao goberno que saia das urnas ter uns orzamentos que teñen que estar aprobados neste ano 2020 e que teñen que estar presentados no mes de outubro, de acordo coa lexislación económica e financeira da Comunidade.

E, por suposto, estas eleccións se celebrarán con todas as garantías de seguridade sanitaria tanto para que poidan votar todas as persoas que queiran votar –con independencia do seu lugar de domicilio ou idade-, como tamén para as persoas que teñan que estar na mesa electoral durante a xornada de votación.

Desde xa, poñémonos tamén a completar os protocolos de seguridade para que se poida participar nestas eleccións con todas as garantías. Esperamos contar coa colaboración do Goberno de España, así llo acabo de solicitar formalmente ao seu presidente, posto que no último decreto de alarma no que avala estas eleccións tamén se obriga ao Goberno central a “coadxuvar ao seu mellor desenvolvemento e realización”.

E no que se refire á labor da Xunta, teñan por seguro que a prioridade do Goberno e a miña é e seguirá sendo a loita contra as consecuencias desta pandemia.

É a prioridade da actual Xunta de Galicia e, estou convencido, será tamén a prioridade da Xunta de Galicia que saia da decisión do Parlamento, previa ás votacións ao Parlamento autonómico a celebrar o 12 de xullo deste ano 2020.

En imaxes
358 lecturas