O 82% das e dos emprendedores retornados apoiados pola Xunta teñen experiencia no sector no que invisten
A maiores, o 71 por cento dos beneficiados e beneficiadas polas Axudas ao Retorno Emprendedor posúen formación específica na materia na que emprenden.
O impacto dos investimentos en Galicia dos 500 proxectos empresariais postos en marcha grazas ao apoio económico da Xunta foi superior aos 25 millóns de euros.
O balance da Estratexia Galicia Retorna destaca que a gran maioría das emprendedoras e emprendedores retornados que solicitaron unha axuda a través da Secretaría Xeral da Emigración para a posta en marcha dunha iniciativa empresarial teñen experiencia no sector no que invisten e formación específica.
A Xunta de Galicia destinou, dende 2018 a 2021, 3 millóns de euros a través das Axudas ao Retorno Emprendedor co obxectivo de facilitar a posta en marcha de 500 iniciativas empresariais de galegas e galegos retornados na comunidade autónoma.
Estas axudas forman parte das accións específicas da Estratexia Galicia Retorna que puxo en marcha a Secretaría Xeral da Emigración en 2018 e que se prorrogou por mor da covid-19 ao longo do presente 2021.
Deste xeito, segundo se desprende do balance da Estratexia, o 82% dos galegos e galegas que retornaron a Galicia para poñer en marcha un negocio e contaron cunha axuda ao retorno emprendedor da Xunta teñen experiencia no sector no que invisten, mentres o 71% tamén posúen formación específica na materia na que emprenden.
O impacto dos investimentos en Galicia destes proxectos, relacionados coa Industria 4.0, o naval, o téxtil, as telecomunicacións ou os servizos, foi superior aos 25 millóns de euros.
Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma das e dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.
As axudas son de 5.000 euros, aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural.
Novas relacionadas




