A Xunta apoiará ás entidades de Latinoamérica na atención socio asistencial que prestan aos galegos e galegas da diáspora

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, desprázase a Arxentina, Uruguai e Brasil para amosar o seu respaldo á colectividade galega emigrada a estes países.

O departamento autonómico e a Secretaría Xeral da Emigración asinarán convenios de colaboración co Hogar Gallego para Ancianos de Bos Aires, o Centro Gallego de Mar del Plata e co Hogar Español de Ancianos de Montevideo.

Mato e Camba manterán en Río de Xaneiro reunións cos membros da Sociedad Recreio dos Anciaos para Asilo da Velhice Desamparada, da Casa de España e da Sociedade Espanhola de Beneficiencia.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Xunta de Galicia reforzará o seu compromiso cos galegos da diáspora financiando a atención socio asistencial que entidades de Latinoamérica prestan aos maiores emigrados.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, desprazouse hoxe ata Arxentina para amosar o seu respaldo á colectividade galega que reside neste país. En Bos Aires, a titular de Benestar asinará, en representación do Goberno galego, dous convenios de colaboración co Hogar Gallego para Ancianos de Bos Aires e o Centro Gallego de mar del Plata para atender as necesidades sociais básicas dos maiores galegos. Con estes acordos tamén colabora economicamente a Secretaria Xeral da Emigración.

Mato chegará o domingo a Uruguai para asinar un novo acordo. Nesta ocasión, rubricará, tamén en colaboración coa Secretaria Xeral da Emigración, un convenio co Hogar Español de Ancianos de Montevideo co obxecto de axudarlles a prestar aloxamento e manutención aos beneficiarios do servizo, así como asistencia social, sanitaria e fisioterapéutica, roupa e medicamentos, material xeriátrico, e accións de prevención sanitaria.

A titular de Benestar trasladarase a Río de Xaneiro o luns, onde estará acompañada polo secretario xeral da Emigración, Santiago Camba. Os dous representantes autonómicos manterán reunións cos socios e xunta directiva da Sociedad Recreio dos Anciaos para Asilo da Velhice Desamparada, da Casa de España e da Sociedade Espanhola de Beneficiencia para coñecer de primeira man as súas necesidades.

A principal finalidade destas actuacións é coñecer de primeira man as demandas do colectivo galego en Latinoamérica e, sobre todo, axudar a paliar a situación de crise especialmente grave de algúns emigrantes.

En imaxes
1411 lecturas