A Xunta agradece a colaboración das entidades galegas en Venezuela na xestión das axudas económicas individuais

O secretario xeral da Emigración destacou que en 2020 entregáronse axudas a 1.400 familias que permitirán afrontar a estes galegos e galegas no exterior un ano tan difícil como o actual.

Rodríguez Miranda recorda que as oficinas sociais das entidades galegas en Venezuela, en colaboración coa administración autonómica, manteñen aberta a tramitación das axudas de emerxencia ata o próximo día 16 de novembro.

Foto de arquivo: O secretario xeral da emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nunha visita á colectividade galega en Caracas
Foto de arquivo: O secretario xeral da emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nunha visita á colectividade galega en Caracas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, agradece a colaboración das entidades galegas en Venezuela na xestión de axudas de económicas individuais que permiten que 1.400 familias de galegas e galegos residentes neste país poidan afrontar un pouco mellor un ano tan difícil como o actual, no que se suman complicacións económicas coas propias da pandemia da covid-19.

Segundo apuntou o secretario xeral, estas axudas apórtanse a aquelas persoas que se atopan de xeito habitual en situación de necesidade social e que xa foron concedidas na súa totalidade.

En relación a este apoio, o secretario xeral destacou que as axudas deste ano para galegas e galegos residentes en Venezuela incrementáronse dende as 1.000 do pasado 2019 hasta as 1.400 familias, que percibirán en torno aos 800 euros, chegando así a un total de máis de 1 millón de euros.

Neste senso, Miranda agradeceu a labor da Hermandad Gallega de Venezuela e das outras tres entidades de galegas e galegos no país (o Centro Galego de Maracabio, o de Puerto La Cruz e a Hermandad Gallega de Valencia), por ser o vehículo que permite á autonomía galega chegar ata as persoas que máis o necesitan. “Sen a labor destas entidades, sería imposible achegarse a todos os galegos que pasan necesidade neste país. O apoio da Xunta de Galicia a estas entidades é o apoio de tódolos galegos aos nosos compatriotas en Venezuela. Galicia non vai fallar”, engadiu Rodríguez Miranda.

Continúa aberto o prazo das axudas de emerxencia
Rodríguez Miranda recordou tamén que segue aberta a liña de axudas de emerxencia social para galegas e galegos no exterior ata o próximo 16 deste mes, e que as e os interesados en Venezuela poden tramitala a través de las oficinas de atención social que funcionan nestes centros galegos froito da colaboración coa Xunta de Galicia. 

A convocatoria desta liña de axudas é un programa deseñado co obxectivo de colaborar coas e cos emigrantes galegos no exterior que carezan dos recursos económicos necesarios para atender situacións sobrevidas de carácter extraordinario de emerxencia social, sanitaria ou asistencial e que precisen dunha atención urxente para evitar ou paliar situacións de necesidade social, así como as que teñan por obxecto sufragar os custos das viaxes que teñan que realizar, por razóns destas características, as persoas que poidan ter a condición de beneficiarias.

O prazo para a solicitude destas axudas finaliza o próximo 16 deste mes e contan cun orzamento de 200.000 euros que poden ser ampliables en función do número de solicitudes presentadas.

As e os beneficiarios serán persoas emigrantes galegas e os seus fillos e fillas que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior. Excepcionalmente, para o caso de ter que realizar unha viaxe as persoas ás que se refire este punto e que non poidan valerse por se mesmas, tamén poderá ser beneficiaria unha persoa acompañante.

Os requisitos necesarios para solicitar estas axudas é ter rendas ou ingresos insuficientes, contar cun patrimonio insuficiente ou acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da súa solicitude como máximo nos últimos doce meses e que, pola súa gravidade, requiran dunha actuación urxente ou da necesidade de realizar a viaxe por mor desta razón. 

As persoas interesadas poden dirixirse aos seguintes enlaces: https://sede.xunta.gal e http://emigracion.xunta.gal.

En imaxes
507 lecturas