A Xunta acadará os 2.000 mozos e mozas retornados coas BEME a través dunha nova convocatoria na que prioriza a inserción laboral e urxe a homologación de títulos

O Consello do Goberno galego aprobou a 10ª edición das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), con 2,55 M€ para que 250 galegos e galegas do exterior poidan estudar case cen mestrados nas universidades públicas galegas no 2026/2027.

Englobada na Estratexia Galicia Retorna, esta acción é chave no plan de captación de talento pola alta cualificación dos bolseiros, a súa diversidade —máis de 40 países— e xuventude —29 anos— e a vontade da gran maioría —un 80 %— de traballar en 
Galicia.

Os bolseiros e bolseiras BEME encádranse en áreas como as ciencias sociais e xurídicas, enxeñaría e arquitectura ou ciencias da saúde, cun maior potencial de empregabilidade.

Para potenciar a súa inserción por conta allea ou propia, a Xunta reforzará a orientación e mentoría específicos e estreará incentivos para as empresas como os do programa Galicia Suma Talento: Emprégate por contratar traballadores formados nas BEME.

Co gallo de desenvolver o modelo pioneiro de Galicia para sumar talento, a Xunta reclamará mañá de novo ao Goberno central —nunha reunión en Madrid— unha vía áxil para homologar os títulos universitarios dos beneficiarios BEME.

A Xunta acadará os 2.000 mozos e mozas retornados coas BEME a través dunha nova convocatoria na que prioriza a inserción laboral e urxe a homologación de títulos
A Xunta acadará os 2.000 mozos e mozas retornados coas BEME a través dunha nova convocatoria na que prioriza a inserción laboral e urxe a homologación de títulos
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 9 de decembro de 2025.

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á décima edición das bolsas excelencia mocidade exterior (BEME) que —cun orzamento de 2,55 M€— permitirá a 250 mozos e mozas completar en Galicia a súa formación académica cursando no vindeiro curso 2026/2027 algún dos máis de 95 mestrados seleccionados polo seu maior potencial de empregabilidade nas tres universidades públicas. Integrada na Estratexia Galicia Retorna xunto a outros programas como o Retorna Talento FP —cuxa nova orde tamén foi analizada hoxe mesmo en Consello—, esta convocatoria das BEME dá continuidade a unha iniciativa que acadará xa a cifra de 2.000 mozos e mozas retornados a través dun investimento global de case 15 M€ e absolutamente consolidada como clave dentro do plan de captación de talento do Goberno autonómico.  

Como mostra do impacto das bolsas BEME en Galicia e do capital de talento de alta cualificación que supón para o noso tecido produtivo, a idade media dos bolseiros retornados é de 29 anos, proceden de máis de 40 países —entre os que destaca A Arxentina, Venezuela, O Uruguai, O Brasil e O Reino Unido—, e arredor dun 80 % teñen a vontade de quedar en Galicia tras finalizar os seus mestrados co obxectivo de incorporarse ao mercado laboral por conta allea ou a través do emprendemento.  

Por iso, e co gallo de consolidar o seu grao de inserción laboral, a Xunta potenciará o ano que vén o asesoramento e titorización específicos ao abeiro das bolsas concedidas. Ademais, cómpre destacar outros incentivos novidosos destinados a facilitar a súa incorporación a empresas galegas como os que incluirá o programa Galicia Suma Talento: Emprégate. Por primeira vez nunha iniciativa deste tipo, a axuda ao centro de traballo que contrata poderase aumentar nun 25 % no caso de que a persoa que se incorpore de xeito indefinido superase os estudos vinculados ás bolsas BEME nos dous anos previos.   

Detalles da convocatoria 2026/2027 

A nova edición das bolsas BEME, que se volverá convocar en réxime de concorrencia competitiva, destínase a mozas e mozos galegos universitarios residentes fóra da nosa Comunidade desde fai máis de dous anos, a persoas que residiran en Galicia de forma continuada durante cinco anos —con nacionalidade española antes de emigrar— ou a descendentes de galegas e galegos con titulación superior que desexen realizar un mestrado nalgún dos sete campus das tres universidades públicas galegas.  

Os máis de 95 mestrados incluídos na convocatoria —pertencentes ás áreas de arte e humanidades, ciencias, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura— foron seleccionados pola súa maior capacidade de colocación no tecido produtivo galego, co foco posto en sectores estratéxicos. As bolsas —que varían entre os 8.000 e os 12.500 euros dependendo da rexión de procedencia e do número de créditos a realizar— cobre os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento ou manutención en Galicia.  

Estratexia Galicia Retorna e Plan de captación de talento  

No marco do modelo pioneiro de Galicia para sumar talento ao tecido produtivo, as BEME son unha peza clave dentro da aposta autonómica por captar talento do exterior dun xeito planificado. Unha folla de ruta que contará o ano que vén cunha nova oficina autonómica que canalizará todas as medidas relativas ao emprego dirixidas tanto ás persoas retornadas como ás de terceiros países. No referido aos galegos e galegas do exterior, as BEME complétanse na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 con outras fundamentais de asesoramento, seguimento e coordinación, abarcando todos os ámbitos para unha integración plena. Así, destaca a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, que ofrece acompañamento aos galegos do exterior e ás súas familias, tanto no relativo aos trámites do retorno como no eido das axudas; o programa Retorna Cualifica Emprego ou as destinadas a impulsar o autoemprego retornado.  

Demandas ao Goberno central 

A Xunta de Galicia vénlle demandando ao Goberno central que facilite a homologación dos títulos universitarios de orixe tanto das persoas retornadas como das procedentes de terceiros países, co obxecto de evitar que estes atrasos burocráticos limiten as súas oportunidades profesionais. Así, o Goberno galego trasladou esta reclamación recentemente por carta en coordinación coas universidades públicas galegas e volverá facelo mañá a través dunha reunión que manterá en Madrid o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, co secretario xeral de Universidades, Francisco García.  
 
Nese encontro, Insistirase na necesidade de establecer unha vía específica e áxil — coordinada entre a Xunta, as universidades públicas e o Ministerio— para as persoas beneficiarias das bolsas BEME, reclamando un procedemento claro que permita acelerar o proceso de recoñecemento das súas titulacións universitarias e garantir así o acceso a traballos acordes á súa formación. Deste xeito, avógase por reducir burocracia, unificar criterios e garantir seguridade xurídica, en liña coas recomendacións europeas. 

371 lecturas