A Xunta convoca a décima edición das Beme Máster acadando os 2.000 mozos retornados

As 250 novas axudas para estudiar un máster, que sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención, teñen un importe entre 8.000 e 12.500 euros, en función da duración do mestrado e o continente de procedencia do beneficiario.

A Secretaría Xeral da Emigración destinará máis de 2,5 millóns de euros a esta medida, incluída na Estratexia Retorna 2023-2026 e con esta nova convocatoria terá ofrecido máis de 2.000 oportunidades que permiten atraer profesionais galegos de alta cualificación residentes no exterior.

O prazo de presentación de solicitudes ábrase este venres e remata o 30 de abril.

A Xunta convoca a décima edición das Beme Máster acadando os 2.000 mozos retornados
A Xunta convoca a décima edición das Beme Máster acadando os 2.000 mozos retornados
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 15 de xaneiro de 2026.

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a nova convocatoria para o curso 2026-2027, promovida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da Secretaría Xeral da Emigración, das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME Máster). 

O orzamento de 2,55 M€— permitirá a 250 mozos e mozas completar en Galicia a súa formación académica cursando no vindeiro curso 2026/2027 algún dos máis de 95 mestrados seleccionados polo seu maior potencial de empregabilidade nas tres universidades públicas. Integrada na Estratexia Galicia Retorna xunto a outros programas, esta convocatoria das BEME dá continuidade a unha iniciativa que acadará xa a cifra de 2.000 mozos e mozas retornados a través dun investimento global de máis 15 M€ e absolutamente consolidada como clave dentro do plan de captación de talento do Goberno autonómico.  

A idade media dos bolseiros retornados nas pasadas edicións é de 29 anos, proceden de máis de 40 países —entre os que destaca A Arxentina, Venezuela, O Uruguai, O Brasil, Francia, Suíza, Alemania e O Reino Unido—, e arredor dun 80 % teñen a vontade de quedar en Galicia tras finalizar os seus mestrados co obxectivo de incorporarse ao mercado laboral por conta allea ou a través do emprendemento.  


Detalles da convocatoria 2026/2027 

A nova edición das bolsas BEME, que se volverá convocar en réxime de concorrencia competitiva, destínase a mozas e mozos galegos universitarios residentes fóra da nosa Comunidade desde fai máis de dous anos, a persoas que residiran en Galicia de forma continuada durante cinco anos —con nacionalidade española antes de emigrar— ou a descendentes de galegas e galegos con titulación superior que desexen realizar un mestrado nalgún dos sete campus das tres universidades públicas galegas.  

Os máis de 95 mestrados incluídos na convocatoria —pertencentes ás áreas de arte e humanidades, ciencias, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura— foron seleccionados pola súa maior capacidade de colocación no tecido produtivo galego, co foco posto en sectores estratéxicos. As bolsas —que varían entre os 8.000 e os 12.500 euros dependendo da rexión de procedencia e do número de créditos a realizar— cobre os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento ou manutención en Galicia.

274 lecturas