A Xunta abre mañá o prazo de solicitude da terceira convocatoria do Principia

O Goberno galego favorece a captación e retención de talento apoiando este programa que mobilizará 2,8 millóns de euros nun centenar de contratos cunha duración mínima dun ano en empresas e centros de investigación galegos. 

Os beneficiarios e beneficiarias, que desenvolverán o seu traballo de I+D+i en Galicia, serán universitarios ou titulados de FPII menores de 35 anos. 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca con esta iniciativa reforzar a inserción de profesionais cualificados no tecido produtivo galego: tras a primeira edición, xa finalizada, case oito de cada dez traballadoras e traballadores continúan nas empresas.

Nas dúas convocatorias anteriores concedéronse axudas para a contratación de máis de 300 menores de 35 anos -preto da metade con carácter indefinido-, dos que catro de cada dez foron mulleres.

O Goberno galego favorece a captación e retención de talento apoiando este programa que mobilizará 2,8 millóns de euros nun centenar de contratos cunha duración mínima dun ano en empresas e centros de investigación galegos
O Goberno galego favorece a captación e retención de talento apoiando este programa que mobilizará 2,8 millóns de euros nun centenar de contratos cunha duración mínima dun ano en empresas e centros de investigación galegos
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2018.

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria da terceira edición do programa Principia que impulsará a contratación de 110 mozos e mozas investigadores en empresas e centros de coñecemento galegos co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos vinculados á I+D+i.

Mediante estes contratos, que deberán ter unha duración mínima dun ano, o Goberno galego busca abrir unha porta ao mercado laboral a universitarios ou titulados de FPII con pouca experiencia, xa que o programa estará focalizado nos mozos e mozas menores de 35 anos con menos de 36 meses empregados na súa categoría profesional.

Búscase que lles sirva como anclaxe ao mercado laboral, de forma que sexan contratadas e contratados polas empresas despois da finalización do programa, reforzando así a competitividade en materia de investigación do tecido empresarial galego. De feito, preto de 150 das e dos investigadores contratados nas dúas primeiras convocatorias non tiña experiencia laboral.

A terceira edición do Principia, que contará cun investimento da Xunta de 1,1 millóns de euros e que agarda mobilizar 2,8, ten entre as súas novidades a limitación de contratos por entidade solicitante a un máximo de 5 para conseguir que todas as solicitantes conten con axudas, que poderán chegar a 10 no caso de que queden remanentes. Ademais, puntuarase especialmente ás entidades que contrataran traballadoras e traballadores noutras edicións e cumpriran o seu compromiso. O prazo de solicitude estará aberto dese mañá, 22 de maio, ata o 21 de xuño.

Consolídase así este programa pioneiro en Galicia que, desde a súa posta en marcha en 2016, concedeu axudas para a contratación de máis de 300 mozos e mozas, preto da metade con carácter indefinido. Unha iniciativa que trata, ademais, de incentivar a contratación feminina e fomentar as vocacións STEM entre as mulleres e que conseguiu que o 42% dos contratos foran femininos. Ademais, na primeira edición, convocada no ano 2016, xa que a segunda aínda non rematou, case oito de cada dez traballadoras e traballadores contratados a través deste programa permaneceron nas empresas transcorrido o ano que se bonificou, mentres que no caso dos centros de coñecemento foron preto do 60%.

No marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), a Xunta continúa así a súa aposta pola captación e retención do mellor talento, como unha das ferramentas principais para aumentar a capacidade innovadora do tecido produtivo galego e con ela a competitividade da Comunidade, obxectivo recollido, tamén, no Plan Galicia Innova 2020.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ten posto en marcha varios programas cun gran impacto na retención de talento en Galicia. Así, destacan iniciativas como os contratos programa -que apoian aos centros tecnolóxicos e ás fundacións sanitarias-, as Unidades Mixtas de Investigación, ou o programa Oportunius, reforzando así a capacidade de innovación de Galicia e tendendo pontes entre os organismos públicos de investigación e o tecido empresarial. Proximamente sumarase, tamén, o novo programa Talento Senior.

894 lecturas