Galicia incorporará 15 profesionais de alta cualificación en empresas e centros de coñecemento a través do programa Talento Sénior, incluído na Estratexia Retorna 2020

A Xunta impulsa estas contratacións con preto dun millón de euros co obxectivo de fomentar a atracción e o retorno de talento.

As doutoras e doutores e especialistas contratados contan cunha media de 11 anos de experiencia en diferentes ámbitos da I+D+i, e máis da metade son mulleres.

Seis profesionais regresan a Galicia desde Estados Unidos e diferentes comunidades autónomas.

Desenvolverán a súa actividade en sectores como o naval, o pesqueiro, a saúde e a biotecnoloxía ou as tecnoloxías da información.

As entidades beneficiarias recibirán un incentivo de 64.000 euros por cada un dos contratos, todos iguais ou superiores a tres anos e a maioría indefinidos.

A iniciativa forma parte do programa Talento 2021, que busca xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i.

O programa Talento Sénior é unha das máis de medio cento de medidas comprendidas na Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
O programa Talento Sénior é unha das máis de medio cento de medidas comprendidas na Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2019.

Un total de 15 profesionais de alta cualificación vanse incorporar a 9 empresas e 6 organismos de investigación non universitarios e centros tecnolóxicos galegos grazas á segunda edición do programa Talento Sénior, co que a Xunta impulsa a atracción e o retorno de investigadoras e investigadores doutores e tecnólogos de alta cualificación con traxectorias consolidadas para que participen en proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación en Galicia.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), concedeu apoios por preto dun millón de euros, e así, as entidades beneficiarias contarán cun incentivo de 64.000 euros por cada persoa contratada. Todos os contratos son iguais ou superiores a tres anos, e a maioría indefinidos. As entidades deberán achegar á ou ao profesional que se incorpore a través deste programa un salario de cando menos 40.000 euros brutos por anualidade. Ademais, o persoal poderá estar contratado pola entidade beneficiaria da axuda desde o pasado 1 de xaneiro.

As e os especialistas contratados contan cunha media de 11 anos de experiencia en diferentes ámbitos da I+D+i, e desenvolverán a súa actividade en sectores como o naval, o pesqueiro, a saúde e a biotecnoloxía, as ciencias naturais, os servizos técnicos de enxeñería, e as tecnoloxías da información. Seis delas e deles retornarán a Galicia desde Estados Unidos e diferentes comunidades autónomas e máis da metade, un total de 9, son mulleres.

Estas novas contratacións súmanse ás dez impulsadas na primeira edición de Talento Sénior, que está incluído no programa Talento 2021, impulsado pola Xunta para xerar, reter e atraer 1500 profesionais a Galicia para actividades de I+D+i, estimándose a mobilización de preto de 47 millóns. A través de Talento 2021 tamén se reforzan accións como o programa Ignicia, que ten permitido crear ou manter máis de 120 empregos cualificados a través do apoio a proxectos que achegan solucións ás necesidades tecnolóxicas das empresas galegas; ou o Principia, que xa ten permitido a contratación de 472 profesionais de ata 35 anos en actividades de I+D+i. Este novo plan de Gain tamén inclúe o impulso do Oportunius, centrado na atracción e retención de investigadoras e investigadores excelentes, e das axudas a las investigadoras e investigadores para desenvolver a súa carreira predoutoral e postdoutoral. 

En imaxes
153 lecturas