A Xunta apoia a contratación de 110 mozos e mozas cualificados en empresas e organismos de investigación a través do programa Principia, integrante da Estratexia Retorna 2020

Cun investimento público de 1,1 millóns de euros, 10.000 euros por contrato dunha duración mínima dun ano, mobilizaranse máis de 2,6 millóns de euros.

Nesta edición aumenta o número de entidades beneficiarias nun 30%, ata 77, sendo un 88% destas empresas.

Desde a posta en marcha desta iniciativa tense apoiado a contratación de 472 profesionais de ata 35 anos para o desenvolvemento de actividades de I+D+i.

O programa Principia é unha das preto de 60 medidas que conforman a Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
O programa Principia é unha das preto de 60 medidas que conforman a Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2019.

A Xunta apoia a contratación de 110 persoas mozas e mozos cualificados de ata 35 anos de idade para a realización de actividades de I+D+i en 77 empresas e organismos de investigación de Galicia a través do programa Principia, cuxa cuarta edición vén de resolver a Axencia Galega de Innovación (Gain). Cun investimento público de 1,1 millóns de euros (10.000 euros por contrato dunha duración mínima dun ano), estímase unha mobilización total superior aos 2,6 millóns de euros.

O obxectivo deste programa é favorecer a retención de talento na nosa comunidade, o desenvolvemento da carreira profesional da xente moza e estimular a demanda por parte do sector público e privado de persoal suficientemente preparado para realizar tarefas de I+D+i.

Da análise das axudas concedidas, que xa están publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), cómpre destacar que aumentou nun 30% o número de entidades beneficiarias con respecto á convocatoria anterior. Ademais, preto de 9 de cada dez entidades beneficiarias son empresas e, destas, case a metade son micropemes, o que amosa que se consolida a existencia dunha área de I+D+i nas empresas da nosa comunidade.

No tocante ás características dos contratos, preto de 8 de cada dez contratos serán de carácter indefinido e a retribución bruta anual media a percibir polo persoal técnico contratado ascende a 22.832 euros. Ademais, o 95% das persoas contratadas recibirán un plan de formación a cargo da empresa. Outro dato relevante é que o 46% das mozas e mozos contratados carecía de experiencia laboral previa, polo que este programa se confirma como unha boa ferramenta para favorecer a empregabilidade do persoal técnico en I+D+i.

Sumado ás tres edicións anteriores, este programa pioneiro lanzado en 2016 ten permitido a contratación de 472 profesionais de ata 35 anos en actividades de I+D+i. Entre as novidades desta edición destacan a diminución do número máximo de contratos a conceder por entidade, un factor que favoreceu o incremento do número e variedade de entidades beneficiarias, ou o aumento da puntuación en aspectos como a formación e capacitación de persoal ou a contratación de mulleres.

251 lecturas