A XIV Xuntanza de Centros Galegos de Andalucía, Extremadura e Ceuta destaca a unidade e forza da colectividade galega no sur de España
Málaga acolleu esta pasada fin de semana a XIV Xuntanza de Centros Galegos de Andalucía, Extremadura e Ceuta, un evento que reuniu a representantes da colectividade galega do sur de España. Durante o encontro, o representante da Secretaría Xeral da Emigración puxo en valor a unidade de acción que demostran os galegos desta zona de España, salientando a súa capacidade para multiplicar os resultados do importante esforzo que realizan, contrarrestando así a distancia xeográfica, climática e cultural que os separa de Galicia. A Xunta lembra que a galeguidade en Andalucía está viva, dinámica e eficazmente incardinada na sociedade de acollida, demostrando unha vez máis como as comunidades galegas, sen renunciar ás súas raíces, son quen de adaptarse á nova cultura e estilo de vida do lugar no que residen.
O acto destacou que a excelente imaxe da que goza Galicia no sur de España é froito directo de décadas de relación entre galegos e andaluces, que, a pesar das posibles diferenzas culturais, comparten unha fonda conexión baseada no respecto e agarimo mutuos. A xuntanza serviu como un espazo para fortalecer os lazos entre os distintos centros galegos e reafirmar o compromiso da Secretaría Xeral da Emigración de continuar apoiando ás comunidades galegas no exterior, promovendo a conexión coa terra de orixe e iniciativas que impulsen o retorno de quen desexe regresar.
Novas relacionadas





