GaliciaAberta aumentou o seu número de usuarias e usuarios ata superar os 288.000 en 2021
O portal web da Secretaría Xeral da Emigración recibiu o ano pasado máis de 419.000 visitas, superando as 400.000 do 2020.
As redes sociais do departamento do Goberno galego suman máis de 6.600 novas e novos internautas en todo o mundo.
O portal de retorno sumou máis de 57.000 visitas, ofrecendo unha atención 24 horas ás e aos emigrantes galegos e ás e aos seus descendentes na procura da volta a Galicia.
GaliciaAberta, o portal web da Secretaría Xeral da Emigración, incrementou de xeito significativo o seu número de usuarias e usuarios durante o último ano, ata superar os 288.000. Así o amosan as estatísticas do exercicio que vén de rematar, no que as e os internautas realizaron algo máis de 419.000 visitas á páxina https://emigracion.xunta.gal.
Neste marco, cómpre salientar que os contidos máis visitados dentro de GaliciaAberta foron os relativos ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (máis de 90.000 visitas), e ás diferentes liñas de axuda (máis de 105.000 visitas). Así mesmo, o Portal Retorna superou as 57.000 visitas, ofrecendo unha atención 24 horas ás e aos emigrantes galegos e aos seus e ás súas descendentes na procura de facilitar a volta á casa.
A Arxentina, Venezuela, Uruguai, Estados Unidos, Brasil, México, Cuba, Noruega, Suíza, Colombia, Reino Unido, Alemaña, Perú, Ecuador e Chile son os 15 países do exterior desde os que máis visitas se realizaron ao portal GaliciaAberta.
Redes sociais
As redes sociais que ten a Secretaría Xeral da Emigración para divulgar os seus programas e as fases das diferentes convocatorias, así como para promover as diferentes accións que tanto o Goberno galego como a propia colectividade galega no exterior leva a cabo para difundir a cultura, a lingua e a tradición galegas, tamén experimentaron un crecemento durante 2021. As contas de GaliciaAberta en Facebook, Twitter e Instagram superan xa os 44.500 seguidores e seguidoras.
Destaca o caso de Instagram, onde os datos apuntan a un incremento de seguidoras e seguidores de máis do 45%, acadando os 12.341, e que, xunto con Facebook, conta cun público obxectivo cunha idade media entre os 25 e os 45 anos, que son o público obxectivo ao que vai especialmente dirixida a Estratexia Galicia Retorna da Xunta.
Son elas e eles os que apostan por estas plataformas para estar ao día das novas acerca da colectividade galega, tanto a residente no estranxeiro como a da Galicia territorial e as e os que viven noutras comunidades autónomas diferentes á galega. Así, a conta da Secretaría Xeral da Emigración en Facebook chega ata os 26.741 seguidoras e seguidores, aumentando preto dun 10% con respecto a 2020, e Twitter roza os 5.500, cun incremento interanual superior ao 9,7%.
Novas relacionadas