Veiga e Miranda buscan intensificar a presenza galega en Cuba ante o novo escenario que se abre pola actualización da lexislación da illa en materia de investimento estranxeiro

O secretario xeral da Emigración e mailo director de internacionalización do IGAPE desenvolven diversas entrevistas con responsables de alto nivel na Administración cubana.

  • Fontecha (primeiro pola esquerda), Veiga e Miranda (á dereita na imaxe) durante a xuntanza que tivo lugar na Habana
    Fontecha (primeiro pola esquerda), Veiga e Miranda (á dereita na imaxe) durante a xuntanza que tivo lugar na Habana
  • Imaxe da reunión celebrada na Asociación de Empresarios Españois en Cuba
    Imaxe da reunión celebrada na Asociación de Empresarios Españois en Cuba
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo director de Internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Abel Veiga Copo, levaron a cabo contactos institucionais con diversas e diversos responsables ministeriais na súa primeira xornada da viaxe oficial a Cuba, nos que estiveron acompañados polo embaixador de España na illa, Juan Francisco Montalbán e o conselleiro económico e comercial desa legación, Guillermo Kessler.

Miranda e Veiga entrevistáronse co director para Europa do Ministerio de Relacións Exteriores da República de Cuba, Elio Rodríguez Perdomo, con quen analizaron as posibilidades de ampliar as actuais e frutíferas relacións entre Galicia e esa república.

Os mandatarios puxeron ao día o estado das relacións entre os gobernos galego e cubano e avanzaron na planificación de contactos ao máis alto nivel a desenvolver ao longo do ano 2015, tendo presente o novo escenario internacional. Tamén falaron do desenvolvemento de diversas actividades, como a social e cultural ‘Huella de España’, importante referente na capital cubana, e que este ano se dedica a Galicia.

Despois, reuníronse con Idermis González Riera, directora de Coordinación e Trámite da Oficina da ‘Zona Especial de Desenvolvemento Mariel’, proxecto dirixido ao impulso económico e sostible a través da atracción de investimento exterior, para coñecer en detalle as posibilidades que tal proxecto ofrece para a dinamización das empresas galegas implantadas naquela zona americana.

Veiga e Miranda interesáronse polo desenvolvemento desta área prioritaria para o goberno cubano, e actualizaron a información sobre as condicións da implantación de empresas galegas interesadas na zona, para trasladárllela co máximo nivel de detalle posible. Asemade, falaron dos proxectos concretos que a Administración cubana considera estratéxicos, para explicar esta circunstancia ás e empresarias e empresarios galegos que poidan estar interesados en explotalos, tendo en conta as facilidades e moi boas condicións que ofrece Cuba desde un punto de vista tributario.

Nova lei
O secretario xeral da Emigración e o director de Internacionalización do IGAPE desprazáronse despois ata o Ministerio de Comercio Exterior e o Investimento Estranxeiro, para entrevistarse con Raúl Becerra, director de Política Comercial para Europa deste organismo.

Con Becerra fixeron unha posta ao día das condicións para o investimento no ámbito xeral en Cuba e do acceso ou nova entrada do empresariado galego, tendo en conta a nova Lei de Investimento Estranxeiro aprobado polas autoridades da illa o pasado ano 2014. Analizáronse as posibilidades en ámbitos sectoriais concretos, nos que podería existir posibilidade de chegada de investimento de empresarias e empresarios galegos, tales como o sector agroalimentario ou o da construción.

A Xunta desexa explorar novas canles de colaboración entre ambos países, na procura de novos folgos para a internacionalización da economía galega. Galicia, que foi pioneira na normalización de relacións con Cuba nun proceso histórico que ten continuidade e impulso polo compromiso persoal do Presidente Feijóo e o seu Goberno, posúe xa unha relevante presenza empresarial na illa.

Co empresariado
De feito, Miranda e Veiga tamén mantiveron unha entrevista cos responsables da Asociación de Empresarios Españois en Cuba, que preside o galego Xulio Fontecha, para coñecer a súa perspectiva no que atinxe ás novas posibilidades de negocio que se abren en Cuba.

Coas e cos emprendedores galegos e españois na illa pulsaron directamente a súa opinión, e o presidente da entidade puxo os medios da Asociación á plena disposición do empresariado galego interesado en investir en Cuba, pois a experiencia e bagaxe atesouradas por quen leva alí anos traballando supón un activo importante para a orientación dos novos investidores. Neste senso, Veiga e Miranda comprometeron unha estreita colaboración coa Asociación para que ese labor de asesoramento se realice nas mellores condicións posibles.

1210 lecturas